Aneiros destaca a importancia do programa ´RCP na aula’ da Xunta á hora de formar aos escolares en reanimación cardiopulmonar
A delegada territorial de Ferrol participou esta mañá no IES Sofía Casanova nunha xornada formativa con 25 alumnos de 1º de Bacharelato
Esta iniciativa das Consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidades e FP pretende que todo o alumnado galego remate a ESO e o Bacharelato sabendo recoñecer unha situación de risco vital
Ferrol, 5 de outubro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o IES Sofía Casanova, en Ferrol, aos alumnos que se están a formar no programa RCP na aula, unha iniciativa das Consellería de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidades e FP que ten por obxectivo formar aos escolares galegos en reanimación cardiopulmonar.
Trátase dun programa pioneiro en España que se desenvolve nas aulas galegas desde 2016 -iniciouse como programa piloto en Lugo en 2009- e que, en virtude, dun convenio entre ambas consellerías, forma e habilita aos docentes galegos como monitores de soporte vital básico e instrutores do alumnado da ESO dentro do horario lectivo.
Aneiros compartiu unha das sesións formativas con 25 alumnos de 1º de Bacharelato que, distribuídos en grupos practicaron sobre un manequín as manobras de reanimación en caso dunha parada cardiorrespiratoria.
“O obxectivo é que todo o alumnado galego remate a ESO e o Bacharelato sabendo recoñecer unha situación de risco vital, alertar ao 061 e iniciar as manobras de reanimación ata a chegada dos servizos sanitarios”, explicou a delegada, “porque nestas situacións, cada minuto é vital para mellorar as posibilidades de supervivencia”.
Esta non é a única iniciativa da que dispón a Xunta no ámbito da resposta ante unha situación de emerxencia. Así a responsable autonómica lembrou o programa Acude e axuda, que conta cun rexistro de persoas voluntarias formadas en soporte vital básico e no manexo de desfibriladores.
Ademais a aplicación Sergas Móbil dispón dun rexistro en que están localizados os desfibriladores externos semiautomáticos existentes en Galicia, que actualmente suman 3.692 de forma que se facilita a súa localización e favorécese unha resposta máis rápida fronte a unha parada cardiorrespiratoria.