A Xunta trae a Galicia á recoñecida creadora audiovisual Andrea Font para impulsar a innovación entre o alumnado de ensinanzas artísticas

A fotógrafa, unha das voces máis destacadas da creatividade visual e con gran seguimento en redes sociais, participará o mércores en ‘Enfócate’ no Gaiás

Ao redor de 700 estudantes de ensinanzas de imaxe e o son participarán nesta xornada que contará con obradoiros de sete expertos e iniciativas para docentes

Santiago de Compostela, 07 de decembro de 2025

A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro mércores 10 de decembro Enfócate 2025, o II Encontro de Ensinanzas do sector da imaxe de Galicia, no que participarán ao redor de 700 estudantes de ensinanzas de imaxe e son co fin de recibir formación innovadora e técnicas de vangarda. O encontro, impulsado pola Xunta de Galicia, está organizado pola Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela e a empresa González Almacén Fotográfico, e conta co apoio do Centro Integrado de FP Imaxe e Son da Coruña.

Tras o éxito da primeira edición o pasado ano, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP volve apostar por esta iniciativa para o impulso das ensinanzas artísticas e, deste xeito, reforzar o modelo formativo práctico, innovador e conectado coa realidade profesional. O programa incorpora ferramentas, coñecementos e experiencias de alto nivel a través de obradoiros e unha clase maxistral impartidos por especialistas recoñecidos internacionalmente. Este ano, como novidade, haberá unha iniciativa de Canon Europa cun taller de formación específica para profesorado a cargo do especialista belga en impresión e xestión de cor Frederic Vaneesbeck.

O alumnado participante poderá escoller entre diversos obradoiros da man de expertos, todos eles con currículos moi variados. Este ano, a clase maxistral será impartida pola creadora audiovisual Andrea Font, que conta cunha comunidade de máis de 70.000 seguidores nas súas redes sociais. Embaixadora de Sony e directora de Full Frame Studio, Andrea Font é unha das voces máis destacadas da creatividade visual contemporánea e está especializada en documental, música, deportes acuáticos, viaxes e publicidades, e é autora de campañas globais para marcas de recoñecido prestixio.

Documental, moda, intelixencia artificial...

Enfócate 2025 contará, ademais, coa voz doutros sete expertos audiovisuais: o embaixador de SmallRig e Laowa Álvaro Sanz ofrecerá un taller titulado Mirar e contar: técnica e cinematografía no documental; o embaixador de Profot e fotógrafo internacional Gus Geijo falará sobre retrato social e institucional, moda e beleza, e o embaixador de Canon Jiame de Diego impartirá unha charla baixo o nome de Todo o que necesitas saber para conseguir fotos de 10.

Ademais, os embaixadores de Maxxima Jake and Claud amosarán no seu taller como a día de hoxe é moi común facer shooting fotográfico e rodaxe co mesmo set de luz; o embaixador de Fujifilm Joan Vendrell impartirá Vivir da Fotografía: Transformar a túa paixón en profesión, e a embaixadora de Sony María Presser falará sobre A intelixencia artificial como aliada creativa: edición profesional e inspiración visual. Pola súa banda, o embaixador de Sigma e Zhiyun Santi Veiga ofrecerá un obradoiro creativo efocado no manexo de distintas ferramentas en diversos ámbitos.

Novo Plan Educ-Art

Esta iniciativa forma parte do Plan EDUC-ART para modernizar e adaptar as ensinanzas artísticas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas do país. Dotado cun orzamento de 10,4 M€ ata 2030, o obxectivo do Goberno galego é potenciar esta formación e conectar aos estudantes co mundo laboral. O plan desenvólvese a través de 37 medidas e oito liñas de actuación: actualización normativa, mellora e dixitalización, renovación da oferta formativa, innovación, internacionalización, promoción e difusión, recoñecemento da excelencia e potenciación dos vínculos co mundo laboral e empresarial.

Data de actualización: 07/12/2025