A Xunta investiu en 2025 na arxentina case 2 M€ a través de programas socioculturais, formativos e de retorno como a feira de emprego con máis de 3.000 persoas

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, fixo balance nun encontro en Bos Aires cos presidentes das entidades galegas na Arxentina

Alí destacou o traballo “preto da xente co compromiso de chegar ás novas xeracións con actos como os concertos enmarcados nos actos da Semana da Hispanidade”

Bos Aires (Arxentina), 6 de decembro de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, mantivo un encontro de traballo cos presidentes e representantes dos principais centros galegos no país para presentar o balance anual das políticas da Xunta dirixidas á colectividade. Miranda subliñou que ao longo de 2025 preto de 4.000 galegos na Arxentina recibiron apoio a través de programas sociais, culturais, formativos e de retorno, mentres que máis de 30 entidades contaron con financiamento da Secretaría Xeral da Emigración. En total, este apoio supuxo un investimento global de preto de 2 millóns de euros, destinado a reforzar a actividade asociativa, modernizar instalacións e impulsar proxectos que permitan chegar ás novas xeracións.

Pola súa banda, Dobarro destacou “o crecemento real do labor da delegación da Xunta na Arxentina, cunha maior presenza no territorio e traballando man a man coas entidades desde a proximidade”. Sinalou ademais que “un exemplo claro deste avance foi a feira de emprego celebrada na Arxentina, que permitiu achegar recursos e oportunidades a máis de 3.000 persoas, conectando directamente o talento da colectividade co tecido empresarial galego”.

Durante o encontro, tamén se analizou o balance das principais accións culturais e sociais realizadas en 2025, entre elas, a destacada participación da colectividade nos actos da Semana da Hispanidade, onde Galicia contou cunha presenza reforzada para achegar cultura e tradición ás novas xeracións. Finalmente, Miranda e Dobarro expuxeron as liñas de traballo para 2026, que inclúen unha maior descentralización das actividades culturais e o reforzo da colaboración coas entidades da diáspora para seguir ampliando servizos e oportunidades para a comunidade galega na Arxentina.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2025