Marta Villaverde participou na presentación da iniciativa
Mar pon en marcha unha web de estacións de rastrexo de parámetros ambientais dentro do proxecto Redecos
Esta acción pon a disposición do sector información relacionada cos efectos do cambio climático, co fin de seguir mellorando a produción e o cultivo de bivalvos
Redecos inclúese en Redemar, plataforma á que a Xunta destinará 2,4 M€ no 2026 para contribuír a contar con mellor información sobre a situación dos recursos e garantir o futuro do mar
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 5 de decembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada das directoras xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Ángeles V. Suárez e Covadonga Salgado, respectivamente, participou este venres na presentación da web de estacións de monitorización de parámetros ambientais en augas pouco profundas que tivo lugar en dito centro, dependente da Consellería do Mar.
Trátase dunha acción que se enmarca no proxecto Redecos II, e que o Intecmar leva a cabo en colaboración da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Ten por obxectivo modernizar o sistema de recollida de datos relativos á salinidade e temperatura nos bancos marisqueiros do litoral galego, co fin de mellorar o coñecemento e xestión das zonas dedicadas ao cultivos de especies marisqueiras e dos riscos aos que se enfronta o sector.
Para elo, ademais desta plataforma on line, a iniciativa inclúe a instalación de 12 novos dispositivos -máis coñecidos como sondas- para a obtención da información, que tamén será integrada nas plataformas de xestión do Observatorio Costeiro.
Redemar
Redecos iniciouse no 2022. Na primeira fase, adquiríronse tres sondas para o estudo das mellores condicións para o fondeo das mesmas nas posicións do Lombos do Ulla, Miño e Barallobre.
Inclúese en Redemar, a Rede que une o sector pesqueiro e os organismos científicos, e que analiza a situación de diferentes rías, co obxectivo de contribuír a contar con mellor información sobre a situación dos recursos e planificar accións que garantan o futuro do mar.
A este respecto, e coa finalidade de seguir potenciando, o seu importante labor, a Consellería do Mar incrementará no 2026 un 20 % o investimento destinado a este plataforma, ata os 2,4 millóns de euros. Un esforzo inversor que dá conta “da aposta da Xunta coa ordenación pesqueira e do compromiso para garantir o futuro do mar, promovendo unha xestión responsable”, destacou a conselleira.