Rueda destaca o bo momento da investigación galega co reforzo do investimento, a atracción de talento e un maior recoñecemento a nivel internacional
Asegura que falar da I+G+i é “poñerlle nome a ciencia que xa está mellorando a saúde, a industria ou a tecnoloxía”
Salienta que a comunidade conta cun “ecosistema de investigación único” que representa o que significa Galicia Calidade
A Xunta ten en marcha un Plan para promover a innovación, dotado con máis de 1.300 M€ ata 2027, e acaba de constituír a Fundación Galtia para atraer a 30 investigadores de primeiro nivel ata 2030
Galicia sitúase entre as autonomías con maior investimento en ciencia
A comunidade vén de habilitar a liña cuántica máis longa de España e albergará unha das seis novas fábricas de intelixencia artificial de Europa
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o bo momento que está a vivir a investigación galega grazas a un maior investimento neste eido e as medidas para reter e atraer talento, o que está a favorecer o recoñecemento da I+G+i a nivel internacional. “En Galicia innovar non é un eslogan, é poñerlle nome a ciencia que xa está mellorando a saúde, a industria ou a tecnoloxía”, salientou nun vídeo difundido nas redes sociais.
Rueda fixo fincapé en que Galicia está a consolidarse en sectores estratéxicos coma a biotecnoloxía, as enerxías verdes, a intelixencia artificial ou a supercomputación grazas a un “ecosistema de investigación único” no que traballan “as universidades, centros punteiros e as empresas” e que contan co apoio do Executivo autonómico.
A Xunta está a facer unha gran aposta pola I+G+i que permite mellorar a calidade de vida das persoas, o desenvolvemento económico do territorio e os servizos públicos, o que repercute nun maior o benestar social e na capacidade de competir das empresas nun mercado totalmente global. Nesta liña, Rueda asegurou que a investigación galega é bo exemplo da Galicia Calidade que identifica á comunidade en todo o mundo.
A aposta da Xunta pola ciencia
Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística revelan que Galicia se sitúa entre as comunidades que máis inviste en ciencia, con 1.058 millóns de euros no 2024, o que supón a maior cifra da súa historia e un incremento anual por riba da suba estatal.
Ademais, a Xunta ten en marcha o Plan de innovación e investigación de Galicia 2025-2027, dotado de máis de 1.300 millóns de euros, acaba de constituírse a Fundación Galtia coa que se busca atraer a trinta científicos de primeiro nivel ata 2030 para que desenvolvan a súa carreira na comunidade e xa se está traballando na nova Lei de ciencia e innovación de Galicia.
En canto as infraestruturas destaca o novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) que se vai construír no polígono da Sionlla en Santiago de Compostela e que implicará un investimento de 56 millóns de euros. Deste modo, Galicia seguirá avanzando no eido da tecnoloxía cuántica na que vén de acadar un fito histórico ao poñerse en marcha a liña cuántica entre Santiago e Vigo, a máis longa de España.
Ademais, as novas instalacións do Cesga permitirán albergar unha fábrica de intelixencia artificial que implicará un investimento de 82 millóns de euros. Deste xeito, Galicia contará cunha das seis novas factorías deste eido que se van instalar en toda Europa.