A Xunta inicia a contratación do proxecto Edugalia, que incorpora a intelixencia artificial á xestión educativa para mellorar o éxito escolar

Rueda resalta que Galicia será pioneira en España ao usar esta ferramenta para reducir ao abandono escolar ou mellorar a xestión dos centros

É o proxecto educativo de desenvolvemento tecnolóxico de IA máis importante de España, ao acadar 10 M€ de financiamento a través do proceso de Compra Pública Innovadora

Céntrase en ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade para un ensino máis eficaz, inclusivo, personalizado e transparente

Grazas á xestión e análise integrada de datos, a Administración poderá prever e identificar situacións de risco de abandono escolar

Os estudantes e as súas familias disporán por primeira vez dun expediente académico dixital único

Tamén se creará unha plataforma única de acceso á información por parte de alumnos e familias e de interacción cos equipos docentes

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Executivo autonómico inicia os trámites para a contratación do proxecto EdugalIA, que incorporará a intelixencia artificial á xestión e avaliación educativa para a mellora do éxito escolar. Galicia será así pioneira en España no desenvolvemento dun programa específico para “usar a IA á hora de reducir o abandono escolar e mellorar a xestión dos centros”.

O Consello da Xunta vén de dar luz verde á contratación da primeira fase deste proxecto que xa está considerado como o mellor de España co uso da intelixencia artificial ao servizo da mellora educativa. Segundo salientou Rueda, este desenvolvemento tecnolóxico para a xestión escolar leva aparellado un orzamento total de 16,5 M€ (6,6 M€ achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante Feder plurirrexional), dos cales saen a contratación os 13,5 M€ necesarios para executar as dúas fases do proxecto que abranguen unha primeira de servizos de I+D e outra segunda de adquisición e despregamento das solucións correspondentes. A maiores, estase ultimando a contratación dunha oficina técnica de control de proceso, que completará o proxecto. 

Tal e como explicou o presidente, a envergadura e a solvencia desta iniciativa, que está xerando un gran interese no resto do Estado, queda avalada polos 10 M€ que a Xunta logrou captar para este proxecto procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, a través dunha axuda concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ao abeiro da Liña de Fomento de Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación. 

Datos analíticos para a mellor toma de decisións

Esta primeira fase abrangue o desenvolvemento, avaliación e posterior compra dunha solución de acceso á información académica e de analítica avanzada de datos para a prevención do abandono educativo, así como dunha solución de asistente virtual baseado en intelixencia artificial.

Trátase, pois, de despregar un ecosistema dixital integrado que permitirá dotar o sistema educativo galego de infraestruturas analíticas avanzadas, como plataformas de intelixencia artificial, sistemas de alerta temperá e simulación de escenarios, entre outros, ao servizo do conxunto da comunidade educativa.

Grazas, precisamente, á integración de todas as fontes de datos, na práctica poderase mellorar a identificación temperá de situacións de risco no eido escolar como o abandono, unha maior precisión na asignación de recursos especializados ou a axilización da atención personalizada e proactiva. Isto é, en definitiva, avanzar nun modelo educativo centrado nas persoas máis eficaz, inclusivo, personalizado e transparente. Nesta liña, Rueda resaltou que o sistema permitirá “alertar sobre o posible risco de abandono escolar, saber que factores inciden no mesmo ou detectar que centros educativos precisan máis recursos” para evitar estas situacións.

Entre outras vantaxes, o despregue tecnolóxico desta iniciativa ao servizo da gobernanza educativa tamén suporá melloras directas sobre os alumnos e as familias. Neste senso, crearase por primeira vez o expediente dixital único do alumnado, “é dicir, un documento que recollerá toda a vida académica do alumno”, indicou Rueda. 

Tamén se desenvolverá un espazo entre familias, centros e Xunta para asistencia e información áxil e personalizada a alumnos e familias. E outro dos aspectos máis salientables é que, ao integrar todas as fontes de datos, a Administración educativa poderá facer un seguimento da redución do abandono escolar mediante o emprego de técnicas analíticas avanzadas. 

Tres eixes de actuación

O proxecto EdugalIA céntrase en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema educativo galego: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta.

No eido da gobernanza, habilitarase un novo modelo de Administración educativa dixital que permita integrar e consolidar de forma fiable información procedente de múltiples fontes e formatos. Isto axudará a avaliar as iniciativas e políticas promovidas pola Consellería a través da evolución do alumnado.

Outra das súas principais funcións será a de facilitar, a través da plataforma Galiorienta, integrada en EdugalIA- facilitar o labor dos despartamenos de orientación ena súa contribución á prevención do abandono e no seu traballo diario de atención á diversidade nos centros docentes. O obxectivo nesta vertente é que os xestores do sistema poidan analizar a súa evolución tanto de forma global como a nivel de centro educativo e programa implantado, permitindo a toma de decisións baseadas en evidencias e datos personalizados de calidade.

O segundo ámbito ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias para consulta un expediente dixital do alumnado. Este documento será susceptible de integrar información relevante a nivel académico vinculado á identidade dixitais dos alumnos e, nalgunhas etapas educativas, os seus titores e as súas titoras. Incluirá datos de identificación, de escolarización, académicos, sobre atención a necesidades específicas de apoio educativo, outros datos educativos e de formación relevantes e metadatos do expediente. O obxectivo é que este expediente acompañe ao longo do seu tránsito polo sistema educativo, sobre todo nos cambios de etapa, na súa relación cos diferentes centros e administracións e que sexa accesible desde calquera lugar en calquera momento.

Finalmente, a través de EdugalIA habilitarase un novo modelo no acceso de alumnado e familias á información do seu interese sobre o sistema educativo, é dicir, un punto único de contacto e acceso. A finalidade é dispoñer dun sistema co que o alumnado e os seus titores poidan interactuar arredor de aspectos vinculados coa súa relación coa Consellería como dúbidas sobre procedementos administrativos no ámbito educativo e orientación en procedementos administrativos como a solicitude de bolsas ou a admisión de alumnado.

Todo o sistema estará deseñado baixo parámetros adecuados de protección de datos, xestión de permisos, consentimentos de cesión de información e privacidade, conforme a normativa.

Equipo asesor multidisciplinar

Logo de aprobar o proxecto e concedido o financiamento, a Xunta constituíu un equipo asesor multidisciplinar composto por investigadores das universidades galegas, dos centros de investigación punteiros, expertos en gobernanza educativa, pedagogos, analistas de datos e intelixencia artificial, que realizaron achegas para o deseño da arquitectura do proxecto incluídas cuestións como a definición de indicadores, a protección de datos ou os principios éticos.

Tras varios meses de análise e traballo previo deste think tank no que se avanzou na definición dun modelo axeitado, agora dáse o primeiro paso para a contratación da fase do proxecto centrada na I+D, para o deseño dunha solución innovadora nun período entre 2026 e 2028, así como da fase de despregamento da mesma prevista entre 2028 e 2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2025