O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Sergas e o director xeral de Asistencia Sanitaria, reuniuse cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central
Gómez Caamaño urxe ao ministerio de Sanidade a dialogar sobre o Estatuto Marco para acabar cunha folga que xa paralizou este martes case 13.200 procesos asistenciais en Galicia
O conselleiro remarca que a actividade afectada pola folga no día de onte supuxo a suspensión de máis de 250 cirurxías, 625 probas non realizadas, 6.900 consultas hospitalarias canceladas e a anulación de 5.400 consultas de atención primaria
Avanza que a Consellería realizará a reorganización asistencial necesaria para reprogramar a actividade suspendida o antes posible
Lamenta que a ministra de Sanidade renuncie a todo esforzo negociador para evitar unha folga que está a repercutir na atención sanitaria á cidadanía
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, urxe ao Ministerio de Sanidade a dialogar sobre o Estatuto Marco para acabar cunha folga nacional convocada para os catro días laborable desta semana e que na xornada de onte, martes, xa paralizou case 13.200 procesos asistenciais en Galicia.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, mantivo un encontro de traballo telemático cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central.
Tal e como detallou o conselleiro ao remate da xuntanza, cos datos reportados polos xerentes das sete áreas sanitarias galegas, a actividade afectada pola folga no día de onte supuxo a suspensión de máis de 250 cirurxías, 625 probas non realizadas, 6.900 consultas hospitalarias canceladas e a suspensión de 5.400 consultas de atención primaria. Estas cifras amosan o impacto que catro días de folga poderán supoñer en tempos de espera para os pacientes.
No día de onte a folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco acadou unha incidencia do 18,24 % na quenda de mañá, que é cando se concentra a maior parte da actividade asistencial.
Na xornada de hoxe a incidencia da folga na quenda de mañá foi do 21,25 %, superior á de onte, polo que, segundo dixo o conselleiro, o impacto na actividade suspendida será, con toda probabilidade, maior que o do martes.
Medidas de anticipación da Xunta
O conselleiro tamén explicou que os servizos centrais do Sergas están en contacto permanente coas xerencias das áreas sanitarias, con reunións e seguimento continuo cos equipos directivos e mandos intermedios das áreas asistenciais, co obxectivo último de garantir a calidade e a seguridade dos pacientes.
Tamén referiu que a Consellería xa traballa para a reorganización asistencial necesaria para atender e reprogramar a actividade suspendida o antes posible.
Petición ao Ministerio de Sanidade
O conselleiro incidiu na súa preocupación, posto que o paro está a impactar e a afectar ao normal desenvolvemento dos servizos asistenciais, nun momento do ano especialmente complexo, no que a asistencia está condicionada polas festas do Nadal e pola ola de gripe que está en claro ascenso.
Ao respecto, Gómez Caamaño sinalou que hai días que lle pediu ao Ministerio de Sanidade que seguise o exemplo do seu departamento e que tentase negociar cos representantes dos traballadores para evitar este paro médico en toda España.
O titular de Sanidade da Xunta lamenta que o Ministerio renuncie a ese diálogo e a calquera esforzo de negociación para acadar a desconvocatoria da folga que está a supoñer a paralización de moitos procesos médicos.
Referiu que a ministra prefire alentar a conflitividade laboral sen ter en conta as consecuencias en termos de espera para os pacientes, xa que ao final quen padece as consecuencias deses paros son as comunidades autónomas e os pacientes que atenden os sistemas sanitarios públicos autonómicos.