Román Rodríguez destaca que as reformas do Instituto Sofía Casanova e do CIFP Leixa elevan a case 11 M€ o investimento en obras nos centros de Ferrol
Ambas intervencións, que se licitarán este mes, son as actuacións de gran envergadura que se realizarán o vindeiro ano na cidade
As obras centraranse na renovación da envolvente térmica, mellorando así a súa eficiencia enerxética e o confort diario da comunidade educativa
O conselleiro de Educación visita tamén o Colexio Plurilingüe Ángela Ruiz Robles, no que se melloraron as instalacións deportivas en colaboración co Concello
Ferrol, 10 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Instituto Sofía Casanova, no que o seu departamento vai executar o vindeiro ano unha rehabilitación integral por importe de máis de 1,3 M€. Acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou que as dúas obras que o seu departamento licitará este mesmo mes para executar en Ferrol, a reforma do IES Sofía Casanova e a rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Leixa (1,8 M€), elevan a preto de 11 M€ o investimento do Plan de nova arquitectura pedagóxica nos centros educativos da cidade departamental.
Neste sentido, destacou que se executaron xa actuacións de tanta relevancia como as rehabilitacións integrais do CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte (Ferrol, 1,4 M€) e do IES de Catabois (Ferrol, 762.000€) e está en execución o cambio de cuberta do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol (600.000 €).
Ademais, están comprometidas para o futuro a ampliación do CIFP Ferrolterra (Ferrol, 2,5 M€), a reforma da cuberta do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol, 700.000 €), a pista cuberta do IES Ricardo Carvalho Calero (650.000€), a do IES Concepción Arenal e o pavillón do IES Ferrol Vello (ambas con orzamento aínda por concretar).
Rehabilitación integral no IES Sofía Casanova
Román Rodríguez salientou que a rehabilitación integral do IES Sofía Casanova vai permitir acadar un aforro de máis do 60% en consumo de enerxía e de case o 65% en emisións de CO₂. Para iso, acometerase a renovación da envolvente do centro.
En concreto, instalaranse 2.566 m² de cuberta nova de panel sándwich e illamento térmico de poliestireno extruído de 8 cm e aplicaranse 2.425 m² de sistema de illamento térmico SATE nas fachadas. Ademais mudaranse 150 fiestras e portas por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e cámara de aire intermedia.
Tamén se mellorará a eficiencia da iluminación nas aulas mediante a instalación de 1.034 luminarias LED e 147 de emerxencia, sistemas de regulación lumínica e coa instalación de falsos teitos modulares acústicos para mellorar o confort no interior das aulas, laboratorios e talleres. A maiores, realizaranse reformas no sistema de calefacción e renovarase a cuberta do patio exterior.
Reforma do Centro Integrado de FP Leixa
No caso do CIFP Leixa, a actuación inclúe tamén a modernización da envolvente térmica dos tres edificios que compoñen o centro. Isto supón colocar 3.165,63 m² de nova cubrición, que será de panel sándwich con acabado de chapa nervada de aceiro cor gris e con illamento intermedio. Ademais, instalaranse novos canlóns e baixantes de chapa de aceiro galvanizado. No que atinxe ás fachadas, aplicaranse 2.523,21 m² de sistema de illamento térmico polo exterior (SATE).
Así mesmo colocaranse 192 novas fiestras e 15 portas, substituiranse todas as luminarias (1.032 en total) por outras con tecnoloxía LED, incluíndo a colocación de 288 luces de emerxencia, e renovaranse os falsos teitos en todo o centro. Unha vez rematadas estas obras redundarán nun aforro de máis do 40% tanto no consumo de enerxía como nas emisións de CO₂.
O programa contempla tamén a Instalación de tres ascensores, un por cada edificio, pequenas modificacións na distribución de espazos interiores, a reforma dos aseos da planta baixa do edificio central e a instalación dun novo pavimento no actual ximnasio, que cambiará o seu uso ao de salón de actos, entre outras intervencións.
A previsión é executar ambas intervencións, a do Sofía Casanova e a do Leixa, de xeito íntegro en 2026. O seu obxectivo, ademais de mellorar a eficiencia enerxética, é incrementar o confort diario da comunidade educativa.
Melloras no Colexio Ángela Ruiz Robles
O conselleiro achegouse tamén esta mañá, co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ao Colexio Plurilingüe Ángela Ruiz Robles, onde se realizaron obras de mellora das instalacións deportivas ao abeiro do convenio asinado co Concello por un importe total de 1 M€, dos que cada administración achega a metade.
O goberno ferrolán executou xa as obras de mellora neste colexio, onde se acometeu o cambio de carpinterías e luminarias, reparouse o panelado de madeira e pintáronse os paramentos. Ao abeiro deste convenio tamén se realizaron reformas nas instalacións deportivas dos colexios de Pazos, A Laxe, San Xoán de Filgueira, Almirante Juan de Lángara, Cruceiro de Canido, de Ponzos, de Esteiro, Isaac Peral e Ledicia.