A Xunta salienta o traballo excelente do CiQUS, centro galego que vén de recibir o prestixioso selo científico María de Maeztu
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, asiste en Valencia ao acto de entrega da distinción a este centro referente en investigación química pertencente á Rede CIGUS
Valencia, 13 de xullo de 2027
A Xunta salienta o traballo excelente do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC), que vén de recibir hoxe a prestixiosa distinción María de Maeztu en Valencia. O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, asistiu esta mañá ao acto de entrega desta importante acreditación a este centro pertencente á Rede CIGUS de excelencia universitaria de Galicia.
Esta distinción, unha das máis importantes no ámbito científico, “é mostra do gran labor que se leva a cabo neste centro punteiro no ámbito da investigación química“, asegurou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sobre a distinción María de Maeztu, un programa estatal que recoñece aos mellores centros e unidades de investigación de España e que permitirá ao CiQUS unha captación extraordinaria de 3 millóns de fondos adicionais. Este centro, amplamente recoñecido no ámbito nacional e internacional, reúne distintos perfís científicos no eido da química e das ciencias moleculares. As liñas de investigación estrutúranse en tres áreas temáticas: Química Biolóxica e Médica, Materiais Funcionais de Interese Tecnolóxico e Tecnoloxías Sintéticas para o Desenvolvemento Sostible. Traballa tamén nunha área transversal centrada en Química Computacional e Ciencia de Datos.
O CiQUS, ao que a Xunta destina máis de 12 M€, posicionouse na última década como referente en retos clave nos campos da saúde, a biomedicina e a sustentabilidade. O recoñecemento María de Maeztu constitúe un novo fito da I+G+i, a ciencia e a innovación feitas desde a nosa Comunidade, en liña coa Galicia Calidade. Esta é a terceira distinción como Unidade de Excelencia María de Maeztu que obteñen centros de investigación de Galicia: o primeiro en recibir este selo foi o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o segundo o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS).