Román Rodríguez sinala o encontro ‘Enfócate’ como unha oportunidade para que os estudantes de imaxe reforcen a súa formación con técnicas de vangarda
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou hoxe o II Encontro de Ensinanzas do sector da imaxe de Galicia, Enfócate 2025. Unha cita na que participaron uns 700 estudantes de ensinanzas de imaxe e son para recibir formación innovadora e técnicas de vangarda, “algo moi útil para aprender dos mellores profesionais e transformar eses coñecementos en oportunidades para o futuro persoal e profesional do alumnado”, sinalou Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.
O encontro, organizado pola Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela e a empresa González Almacén Fotográfico, contou con obradoiros da man de profesionais entre os que destacan a clase maxistral da recoñecida creadora audiovisual Andrea Font. O representante do Goberno galego remarcou tamén o carácter multidisciplinar “desta cita na que se achegan diferentes realidades para todos os gustos”, algo que encaixa co Plan EDUC-ART da Xunta para modernizar e adaptar as ensinanzas artísticas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas do país. Entre os obxectivos desta iniciativa está o de impulsar estas ensinanzas artísticas e reforzar o modelo formativo práctico, innovador e conectado coa realidade profesional.