José Ramón Parada, xunto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, interveu no acto de entrega da certificación de AENOR á cociña do Hospital Universitario Lucus Augusti
O xerente do Sergas salienta o compromiso coa sostibilidade do HULA, primeiro hospital público de España coa certificación “Desperdicio Alimentario Cero”
Subliña que esta acreditación reforza o papel do Lucus Augusti como referente en boas prácticas no ámbito hospitalario
Remarca que, entre os puntos fortes da acreditación, destaca o rigor á hora de establecer os procesos no servizo de hostalería
Agradece o traballo dos preto de cen profesionais que integran o servizo de cociña e que cada día elaboran máis de setecentas comidas adaptadas ás necesidades de cada paciente
Lugo, 11 de decembro de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, salientou o compromiso do Hospital Universitario Lucus Augusti coa sostibilidade, a eficiencia e a xestión responsable dos recursos, logo de ser o primeiro hospital público de España en obter a certificación “Desperdicio Alimentario Cero”.
O responsable do Sergas, xunto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, interveu no acto de entrega da certificación de AENOR “Desperdicio Alimentario Cero” á cociña do HULA.
A certificación chega tras un proceso longo e rigoroso, no que o servizo de hostalería do hospital foi sometido a un exhaustivo procedemento de auditorías e avaliacións, no que se verificou a correcta implantación dun sistema integral para a redución de perdas e desperdicios alimentarios e se constatou o compromiso coa mellora continua desta unidade do hospital.
No seu uso da palabra, o xerente do Sergas destacou que esta acreditación súmase a outra xa obtida en materia de seguridade alimentaria e reforza o papel do Lucus Augusti como referente en boas prácticas no ámbito hospitalario.
José Ramón Parada destacou a colaboración e implicación de todo o persoal, así como a optimización dos procesos e o feito de que a totalidade dos residuos que se xeran aquí se destinen á compostaxe.
Entre os puntos fortes da acreditación, destácase o rigor á hora de establecer os procesos no servizo de hostalería, asegurando o control en cada etapa, desde que se recibe o produto ata que se distribúe.
O xerente do Sergas tivo palabras de especial agradecemento para os preto de cen profesionais que integran o servizo de cociña que, cada día, dan o mellor de si mesmos para elaborar máis de setecentas comidas adaptadas ás necesidades de cada paciente.
Estratexia de Economía Circular
Segundo José Ramón Parada, a certificación entregada hoxe é a mostra de que é posible ofrecer unha atención sanitaria de calidade e reducir o impacto ambiental que esta poida xerar no medio.
Ao respecto, sinalou que a certificación alíñase coa Estratexia de Economía Circular do Sergas, que ten por obxectivo reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030.
O xerente tamén incidiu en que o HULA está a ser un exemplo de humanización e inclusividade, ao contar coa primeira neuroescola de Galicia e agora volve ser referente por esta acreditación, polo que felicitou e agradeceu todo o traballo dos profesionais deste centro da rede sanitaria pública galega.