A directora xeral de Patrimonio Natural presidiu hoxe en Ribadeo a reunión ordinaria do Foro de participación social da reserva que xestionan a Xunta e o Principado

Galicia e Asturias avanzan no novo Plan de xestión da Reserva de biosfera río Eo, Oscos e Terras de Burón

Marisol Díaz salienta a importancia de continuar co traballo realizado nesta zona nos últimos anos, cun total de 1,34 M€ mobilizados entre actuacións directas e axudas

Declarada pola Unesco en xuño do ano 2007, este territorio a cabalo entre as dúas comunidades destaca polos seus espazos Rede Natura, ademais de contar cunha zona húmida de importancia internacional e dous monumentos naturais

Ribadeo (Lugo), 11 de decembro de 2025

Galicia e Asturias seguen avanzando nos traballos de actualización do Plan de xestión da Reserva de biosfera (RB) río Eo, Oscos e Terras de Burón, que aglutinará as principais accións de conservación e desenvolvemento sostible deste territorio para o período 2026-2036, co reto de que o documento definitivo este aprobado no primeiro semestre do vindeiro ano.

Este foi un dos puntos abordados hoxe en Ribadeo durante a reunión do Foro de participación social da RB intercomunitaria, un órgano de participación e consulta no ámbito da reserva e conformado por representantes das administracións públicas de ambas comunidades, asociacións, organizacións, institucións e colectivos que desenvolven actividades en áreas vencelladas aos obxectivos que promove esta figura e cuxos fins sexan compatibles cos principios inspiradores do Programa MaB da Unesco.

Cómpre lembrar que con este novo plan, no que Xunta e Principado levan meses traballando, daráselle continuidade ao instrumento planificador deseñado co mesmo fin en 2016 e en vigor desde 2017, polo que o obxectivo é telo listo e aprobado o ano que vén para que marque a folla de ruta a seguir durante a próxima década.

Este foi un dos puntos abordados durante a reunión ordinaria do organismo, que estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e durante a que se acordou tamén actualizar a relación de membros do Foro de participación social e da Comisión xerente da reserva así como aprobar o regulamento de funcionamento interno do órgano consultivo.

Tras lembrar que en setembro a Comisión de Coordinación Institucional encargada de coordinar a xestión deste espazo deulle o visto bo a impulsar a redacción do novo plan plurianual, Díaz incidiu na necesidade de traballar dunha forma ordenada e planificada.

Neste sentido, cuantificou nun total de 1,34 millóns de euros os investimentos mobilizados desde o ano 2020 tanto a través de actuacións directas executadas só na parte galega deste espazo como das sucesivas convocatorias de axudas da Xunta para proxectos en Rede Natura 2000 e en Reservas de Biosfera.

A modo de exemplo, entre as medidas máis recentes, a directora xeral referiuse ao Proxecto de recuperación do río Eo, cun orzamento de case 500.000 euros financiado con fondos europeos do NextGenerationUE e iniciado a mediados de 2022 co obxectivo de intervir nun tramo de preto de 26 km para mellorar o estado de conservación dunhas 84 hectáreas deste corredor ecolóxico, que separa de forma natural Galicia e Asturias.

Ao respecto e ante as demandas expostas durante a reunión, Díaz propuxo celebrar o ano que vén unha primeira xornada informativa aberta tanto a concellos como a sectores produtivos e asociacións con intereses neste territorio para poñer en común os proxectos en marcha, as posibles liñas de axudas ás que poden acceder e a posibilidade de traballar xuntos no impulso dunha economía local sostible que permita establecer sinerxías entre os produtores locais e as empresas presentes no territorio.

Declaración como RB en 2007

A Reserva de Biosfera Río Eo, Oscos e Terras do Burón, declarada o 19 de xuño de 2007, é unha das dúas de xestión compartida que ten a comunidade (xunto coa do Gerês-Xurés), e conta con numerosos espazos incluídos en Rede Natura 2000 —tres Zonas de Especial Conservación para as Aves (ZEPA) e nove Zonas de Especial Conservación (ZEC)— ademais dun humidal de importancia internacional e dous monumentos naturais.

Dentro do seu territorio hai identificados 41 tipos de hábitats de interese comunitario, 11 considerados prioritarios, centrados fundamentalmente nos ecosistemas dunares, matogueiras costeiras, zonas húmidas continentais e bosques ligados a medios húmidos.

Cun total de 159.379 hectáreas, incluíndo unha pequena superficie de augas mariñas adxacente ao estuario do Eo, a área que conforma a reserva de biosfera se vertebra a través da cunca fluvial do río, abarcando dende o seu nacemento en Fonteo (parroquia de Baleira, en Lugo), ata a súa desembocadura no Cantábrico e abrangue 14 municipios (7 lucenses e 7 asturianos).

Data de actualización: 11/12/2025