Román Rodríguez felicita ao Colexio O Ramo, de Fene, polos distintos proxectos educativos centrados na aprendizaxe colaborativa, a integración e o benestar
O conselleiro de Educación coñece de primeira man as iniciativas que se están levando a cabo no centro da man de profesores e alumnos
Fene (A Coruña), 12 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe O Ramo, de Fene, onde puido coñecer de primeira man as distintas iniciativas de aprendizaxe que ten en marcha este centro que conta con 142 alumnos matriculados.
O titular de Educación do Goberno Galego felicitou tanto ao profesorado como ao alumnado polas propostas didácticas que están desenvolvendo e que fan fincapé na aprendizaxe colaborativa e na aposta pola convivencia, a integración e o benestar. Así o destacou tras visitar as aulas de metodoloxías activas e de estimulación sensorial, así como os proxectos de televisión e radio educativa do centro.
Ademais, o colexio participa en programas da Consellería de Educación como o Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) e o E-Dixgal. Así mesmo, desde o ano 2015 forma parte da Rede de centros plurilingües da Xunta e conta con auxiliar de conversa.