A Xunta achegará ás tres universidades públicas preto de 2.542 M€ a través do actual plan de financiamento, case 85 M€ máis do previsto

No actual plan as universidades contan con máis de 3.260 M€ de fondos públicos no período 2022-26, entre as achegas do plan e as que captan doutras partidas

Isto supón un incremento de case 593 M€ respecto do quinquenio anterior, que aínda pode medrar cando se consoliden os datos de aportacións externas

Só en 2026 as universidades reciben 163,2 M€ para investigación e innovación, o que supón case o 30% do total das transferencias do Plan

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento para dar conta do esforzo inversor da Xunta de Galicia nas tres universidades públicas, “un compromiso a través do que se mantén un apoio económico permanente ao longo do tempo, de maneira que poidan soster a súa elevada calidade docente e investigadora”, dixo.

De feito, destacou que, unha vez en trámite os Orzamentos de 2026, a Xunta vai superar as previsións de transferencias ás universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña no marco do Plan galego de financiamento universitario 2022-2026 en 84,5 M€. Tal e como explicou, o plan prevía unha achega total de 2.457,4 M€ neste período, cantidade que xa ascendeu xa 2.541,8 M€.

Isto, sumado aos 720 M€ de recursos públicos que se estima que capten as universidades captados á marxe do plan (a través de achegas como, por exemplo, o Plan de infraestruturas universitarias da Xunta), supón que neste quinquenio as tres universidades públicas galegas contan con 3.261,8 de fondos públicos para o seu funcionamento, 592,8 M€ máis ca os 2.669 M€ executados no período 2016/20, cantidade que aínda se pode incrementar cando se teñan os datos consolidados de todas as achegas fóra do plan.

Só no 2026 o plan contempla un orzamento total de 549 M€ para transferir ás universidades públicas galegas, un 3,4% máis que en 2025. “A cantidade global é, de novo, a maior da historia”, destacou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Ferramenta excepcional en España

O secretario xeral lembrou que a existencia dun plan plurianual de financiamento é unha das características distintivas do Sistema Universitario de Galicia. Esta ferramenta blinda as achegas das universidades a medio prazo e que, en consecuencia, lles permite facer unha planificación a cinco anos vista sobre políticas de persoal, viabilidade financeira, posicionamento estratéxico, e especialización.

Neste sentido recordou que só Galicia e o País Vasco contan con este sistema de financiamento, que na nosa comunidade funciona desde 1990. O plan en vigor afonda e consolida o modelo de financiamento baseado nunha parte estrutural e outra ligada á consecución de obxectivos e un fondo diferenciado para o financiamento da Investigación.

Tal e como indicou o representante da Xunta, ao abeiro deste compromiso de financiamento, Galicia ocupa sempre moi boas posicións entre as comunidades que dedican maior porción da súa riqueza ao financiamento de universidades públicas, moi por enriba da media española. ”Os galegos dedican cada día 1,5 M€ dos seus impostos a estas institucións”, dixo.

Sinalou, así mesmo, que Galicia está na parte alta da táboa en transferencias correntes e de capital por alumno en relación ao PIB per cápita rexional. Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia acada, xa desde 2023, un gasto público (local, autonómico, estatal e europeo) nas universidades equivalente ao 1% do Produto Interior Bruto autonómico, un horizonte marcado para 2030 na normativa estatal.

Aposta pola investigación universitaria

O secretario xeral destacou tamén o investimento en materia de I+D+i nas universidades públicas galegas que representan o 58,6% do persoal investigador total en Galicia, o que nos converte nos sistema universitario público con máis peso neste eido.

A partida para investigación universitaria é a que ten previsto o crecemento máis elevado de todas dentro do plan de financiamento. No actual plan vai ascender a un total de 500M€, 100 M€ máis ca o inicialmente previsto.

Só en 2026 asignación total para actividades universitarias de investigación, innovación e transferencia, incluíndo tanto as partidas directas como indirectas, acada a cifra de 163,2 M€. “Isto supón case o 30% de todas as transferencias do plan o sen dúbida, é a maior de toda España e que demostra a aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola I+D+i universitaria”, recalcou

Apoio ás familias

“Hai 15 anos, en plena crise económica, Galicia asumiu que as familias non debían sufrir penalizacións para enviar os seus fillos á universidade. Desta maneira, comezamos a realizar actuacións consecutivas para lograr que o acceso á universidade pública fose un dereito”, lembrou o secretario xeral, poñendo en valor o apoio do Goberno galego ás familias a través do financiamento universitario.

A este respecto recordou a Xunta puxo en marcha no curso 2024/25 a gratuidade de matrícula universitaria, o que permite que Galicia sexa a única comunidade de España na que o ensino é gratuíto desde a escola infantil ata a educación superior. Súmase, ademais, á conxelación dos prezos de matrícula desde o curso 2011/12, “un paso seguido por varias comunidade co paso do tempo, e despois polo Ministerio de Universidades”, lembrou.

Data de actualización: 12/12/2025