O conselleiro de Educación agradece o compromiso do profesorado galego co avance cara a un ensino plenamente inclusivo

Román Rodríguez inaugura a xornada de formación ‘A identificación de barreiras e a accesibilidade á aprendizaxe’, que se celebra hoxe en Santiago 

Danse a coñecer aos docentes as principais estratexias para favorecer o acceso á aprendizaxe de todo o alumnado, da man de expertos de primeiro nivel

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP agradeceu hoxe o compromiso do profesorado co avance cara a un ensino plenamente inclusivo. Fíxoo na inauguración da xornada de formación A identificación de barreiras e a accesibilidade á aprendizaxe, que se celebra hoxe na Escola Galega de Administración Pública e na que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou a proactividade dos docentes galegos, “que entenden que a formación continua é a ferramenta máis poderosa para transformar a diversidade en oportunidade”. A este respecto lembrou que a Estratexia galega de inclusión educativa, EduInclusión 2030, se inspira precisamente neste lema e ten como obxectivo que todo o alumnado acceso a unha educación de calidade que promova o seu desenvolvemento integral.

“Agradezo profundamente a presenza do profesorado nesta xornada e, sobre todo, a súa disposición incondicional para seguir avanzando. O labor que realizan cada día nas aulas, acollendo a diversidade e guiando o futuro do noso alumnado, é de enorme importancia”, dixo.

Programa da xornada

A actividade, organizada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación no marco do Plan anual de formación do profesorado da Xunta, ten como finalidade dar a coñecer aos docentes as diferentes estratexias para favorecer o acceso á aprendizaxe de todo o alumnado, da man de expertos de primeiro nivel.

A xornada comeza co relatorio A identificación de barreiras e accesibilidade universal na aula, de Rocío Garrido, psicóloga, orientadora e docente de centros educativos en contextos especialmente vulnerables. A continuación, Ana Isabel Álvarez, coordinadora de Lingua Castelá e Literatura no proxecto cREAgal, presenta as ferramentas accesibles coas que conta este programa de recursos educativos en aberto impulsado pola Xunta.

A maiores, celébranse diferentes obradoiros simultáneos arredor da discapacidade visual e da accesibilidade auditiva, cognitiva e curricular, así como dos recursos relacionados coa atención ao autismo. Impártenos profesionais ligados ás principais entidades neste eido, como son a ONCE, a Asociación de Colaboración e Promoción do Xordo, a Federación Autismo Galicia, FADEMGA - Plena inclusión Galicia. Tamén interveñen un orientador, un docente con experiencia en adaptacións para dislexia e unha formadora en accesibilidade universal.

O encontro péchase coa conferencia Identificando barreiras para a inclusión en contextos de vulnerabilidade socioeducativa e cultural, a cargo de Luis Miguel Romero Bernal, mestre psicopedagogo e exdirector do Colexio Menéndez Pidal de Sevilla.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2025