A Xunta amplía desde o luns aos centros hospitalarios o ensaio clínico SINCIGAL para testar a vacina do virus respiratorio sincitial entre a poboación maior

O obxectivo deste estudo é avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega por medio da vacinación fronte ao VRS, que xa acreditou a súa eficacia en neonatos

A medida facilitará a participación no ensaio daquelas persoas que non teñen preto un centro de saúde adherido ao programa

O ensaio ten como destinatarios os maiores de 60 anos, mais nunha segunda fase a Xunta ampliará a participación a toda a poboación maior de 18 anos

As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 para resolver dúbidas

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2025

A Consellería de Sanidade vén de acordar o reforzo do ensaio clínico SINCIGAL coa habilitación, desde este luns 15 de decembro, de 13 novos puntos de participación nos hospitais e centros da rede sanitaria pública galega, co obxectivo de facilitar vacinación daquelas persoas que non teñen preto un centro de saúde no que se estea a desenvolver este estudo.

En concreto, os maiores de 60 anos, destinatarios iniciais deste ensaio clínico, que desexen participar no SINCIGAL poderán vacinarse, sen cita previa, nos seguintes puntos das sete áreas sanitaria:

PUNTO DE VACINACIÓN

UBICACIÓN

HORARIO

HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑA

CONSULTAS EXTERNAS

4ª PLANTA- SALA 51

Luns a venres

de 16 a 20 horas

HOSPITAL VIRXE DA XUNQUEIRA (CEE)

CONSULTAS EXTERNAS

SALA Nº 9- PLANTA BAIXA

Luns a venres

de 16 a 20 horas

HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE (FERROL)

CONSULTAS EXTERNAS -

 PLANTA 0

Luns a venres

de 15.30 a 19.30 horas

HOSPITAL LUCUS AUGUSTI

4ª PLANTA

Luns-martes-xoves de 15-19 Mércores de 9,30 a 13,30

 

HOSPITAL DA MARIÑA

PUNTO DE VACINACIÓN

Mércores de 15-19 horas e venres de 9,30 a 13,30 horas

 

HOSPITAL MONFORTE DE LEMOS

PLANTA BAIXA, ENTRADA ZONA APARCADOIRO , CONSULTAS DE REHABILITACIÓN

Martes de 9,30 a 13,30

e xoves de 15-19 horas

COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE OURENSE

AULA DE INNOVACIÓN

Luns a venres de 10.00-14.00 horas e de 15.30 a 19.30h

CENTRO DE SAÚDE VERIN

CENTRO DE SAÚDE VERIN

Luns a venres

de 10.00-14.00 horas

 

CENTRO SAÚDE BARCO DE VALDEORRAS

CENTRO SAÚDE BARCO DE VALDEORRAS

Luns a venres

de 10.00-14.00 horas

HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA-CONSULTA Nº 9

Luns a venres

de 16.00 A 20.00 horas

HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

CONSULTAS EXTERNAS -HOSPITAL DE DÍA

Luns a venres

de 15.30 a 19.30 horas

HOSPITAL DO SALNÉS

CONSULTA MEDICINA PREVENTIVA PLANTA -1

Luns a xoves

de 15.30 a 19.30 horas

HOSPITAL PÚBLICO ÁLVARO CUNQUEIRO (VIGO)

PLANTA 0 - ZONA DE DOCENCIA

Luns a venres

de 15.30 a 19.30h

e o  18/12/2025  de 10.00-14.00  e de 15.30 A 19.30h

** Os días 24 e 31 de decembro non se vacinará en ningún dos centros sanitarios.

O obxectivo desta medida é facilitar a participación no estudo daquelas persoas que non teñen preto algún dos arredor de 200 centros de saúde que están adheridos a este ensaio clínico. O seu listado actualizado pode atoparse na páxina web www.sincigal.com .

A fase inicial do estudo ten como destinatarios os maiores de 60 anos mais, nunha segunda fase, a Xunta ampliará a participación a toda a poboación maior de 18 anos.

Deste xeito, esta iniciativa da Consellería de Sanidade e da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) convida a participar a máis de 900.000 galegos maiores de 60 anos co fin de comprobar a efectividade da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).

No estudo, ofrécese aos galegos a partir de 60 anos a oportunidade de vacinarse con Abrysvo®, vacina xa aprobada polas autoridades sanitarias para previr o VRS, e coa que o estudo SINCIGAL pretende demostrar na práctica a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega adulta, logo de acreditar a eficacia da inmunización fronte a este virus en neonatos.. Nunha segunda fase, como se ten dito, o estudo estenderase a toda a poboación maior de 18 anos.

Estanse a enviar sms para informar do estudo. Ademais, a persoa maior de 60 anos que acuda ás súas citas de vacinación fronte á gripe e/ou á covid ou en calquera asistencia sanitaria nos centros de atención primaria ou hospitais asociados ao ensaio clínico, recibirá información sobre o estudo SINCIGAL e ten a posibilidade de decidir, de maneira voluntaria, se quere participar.

Posibilidade de vacinación

No caso de aceptar participar, terá un 50 % de posibilidades de recibir a vacina obxecto de estudo ou non, isto virá determinado polo azar a través dunha plataforma informática.

Desta forma, poderá comprobarse as diferenzas entre as persoas vacinadas e non vacinadas fronte a un virus que, na maioría dos casos, provoca síntomas leves similares a un arrefriado pero que en adultos de idade avanzada ou persoas con patoloxías crónicas pode causar problemas pulmonares graves.

No caso de ser asignado ao grupo de vacinación procederase á administración da vacina durante esa mesma asistencia sanitaria ou nunha quenda posterior, como prefira o participante. Como acontece con todas as demais vacinas, verificarase que non existan contraindicacións para a vacinación.

No caso de ser asignado ao grupo que non reciba a vacina, non se realizará ningún procedemento adicional asociado á participación no estudo.

O estudo non implica acudir a ningún seguimento clínico, xa que se obterá a información necesaria da historia clínica de cada paciente para realizar o seguimento de eficacia e seguridade, polo que non será necesario contactar de novo co participante.

As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 para resolver as dúbidas.

Data de actualización: 13/12/2025