A Xunta promove a prevención da conduta suicida cunha iniciativa de voluntariado para a colaboración no ‘Programa YAM’, que xa chega a 12.000 estudantes

A Consellería de Sanidade e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinan un convenio para desenvolver o programa `Xuventude consciente da saúde mental´, dirixido a escolares de 13 a 17 anos

Este programa fomenta que a mocidade aprenda e debata sobre saúde mental

As persoas interesadas en colaborar e formarse gratuitamente poderán inscribirse na web voluntariadogalego.org

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2025

A Xunta, a través dun convenio asinado entre  o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, promove o fomento da saúde mental e a prevención da conduta suicida cunha iniciativa de voluntariado para colaborar no ‘Programa YAM’, que xa chega a máis de 12.000 estudantes de secundaria.

O ‘Programa YAM’, que responde ás siglas en inglés de xuventude consciente da saúde mental, está a ser desenvolvido polas consellerías responsables en materia de Educación e Sanidade nas aulas de 95 novos centros de ensino este curso.

As sesións están dirixidas a alumnado ente 13 e 17 anos e nelas aprenden e debaten sobre saúde mental, cun protocolo avaliado pola evidencia científica e deseñado pola Universidade de Karolinska.

O persoal instrutor YAM, pertencentes ao Servizo Galego de Saúde e á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, realizan unha formación intensiva por parte dun equipo da prestixiosa universidade sueca.

Ademais, estes profesionais están apoiados na aula por un axudante denominado Helper, que recibe unha formación para saber manter nas clases un clima que permita o desenvolvemento do programa, facilitar a participación do alumnado e prestar atención ás reaccións dos estudantes para poder avisar á persoa instrutora se fose precisa unha atención individual.

Así, a Xunta promove o voluntariado social nos centros educativos facilitando a inscrición das persoas interesadas a través da web voluntariadogalego.org.

Os requisitos para participar son unicamente ser maior de idade, estar empadroado nalgún concello galego e realizar un curso básico de voluntariado.

Aos voluntarios, que estarán cubertos por un seguro de accidentes e responsabilidade civil, a Consellería de Sanidade, a través da Subdirección Xeral para a Atención á Saúde Mental, facilitaralles a formación necesaria e a Dirección Xeral de Xuventude, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a acreditación correspondente.

O convenio estará vixente ata o 1 de decembro de 2026 e poderá ser prorrogado.

O ‘Programa YAM’ está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027.

Data de actualización: 14/12/2025