A Xunta gaba a calidade das ensinanzas de FP de Madeira e Moble do IES Losada Diéguez, con dous alumnos premiados na competición Galicia Skills 2025
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visita o instituto estradense, que é un referente da Formación Profesional na comarca, con instalacións modernas e equipamento punteiro
A Estrada (Pontevedra), 16 de decembro de 2025
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Instituto Antón Losada Diéguez da Estrada, onde destacou a calidade das ensinanzas formativas impartidas neste centro, que é un referente da Formación Profesional na comarca do Deza. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou, especialmente, os ciclos da familia da Madeira, Moble e cortiza, onde dous dos seus alumnos resultaron premiados na competición Galicia Skills 2025.
Eugenia Pérez subliñou o compromiso do Goberno galego con este centro a través da mellora continua das súas infraestruturas, dotándoo de instalacións modernas e con equipamento punteiro. Non en balde, desde este curso o instituto conta cun novo edificio-taller para os ciclos da familia profesional da Madeira, que supuxo un investimento de 3 M€ por parte da Xunta.
Ademais da familia da Madeira, que está directamente conectada co tecido produtivo da zona, o IES Losada Diéguez tamén imparte ciclos de Administración e xestión, Informática e comunicacións e Transporte e mantemento de vehículos. En todos eles suman un total de 266 persoas matriculadas.