A Xunta afonda na colaboración coa Policía Nacional para reforzar a loita contra as actividades ilícitas no ámbito mariño

A conselleira do Mar reuniuse con responsables da Policía Nacional para avanzar na coordinación operativa e poñer en valor o traballo conxunto con Gardacostas de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de decembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe unha reunión con mandos da Policía Nacional co obxectivo de afondar na colaboración e coordinación entre administracións na loita contra as actividades ilícitas vinculadas ao ámbito marítimo-pesqueiro. No encontro, abordáronse vías para reforzar a cooperación operativa entre os distintos corpos, co fin de mellorar a eficacia das actuacións no mar e no litoral.

A conselleira puxo en valor o traballo conxunto que Gardacostas de Galicia mantén coa Policía Nacional e co resto das forzas e corpos de seguridade do Estado, destacando que esta coordinación resulta esencial para facer fronte a actividades ilegais complexas que afectan tanto á protección dos recursos mariños como á seguridade e á legalidade no ámbito marítimo.

Villaverde subliñou que Galicia conta cun modelo de actuación baseado na cooperación institucional, no que cada corpo actúa no marco das súas competencias, pero co obxectivo común de garantir un uso ordenado, sostible e legal do mar. Neste senso, sinalou a importancia de seguir afondando en mecanismos de coordinación que permitan optimizar os recursos dispoñibles e reforzar a resposta fronte a prácticas ilícitas.

A titular de Mar reiterou o compromiso da Xunta de seguir fortalecendo esta colaboración, convencida de que o traballo coordinado entre Gardacostas, Policía Nacional e outros organismos é clave para a defensa do sector marítimo-pesqueiro, a protección do medio mariño e a seguridade da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2025