Medio Rural acorda cos sindicatos melloras laborais de axentes e bombeiros do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asina os respectivos documentos esta mañá tras un proceso de negociación iniciado o pasado mes de abril

Sobre estes acordos, que supoñen un reforzo orzamentario de 6 M€, salienta “a vontade de diálogo” para seguir mellorando as condicións laborais do persoal do SPIF

No que refire aos axentes, increméntanse de xeito progresivo os niveis profesionais e unha mellora no complemento de produtividade asociado ás gardas

Aos bombeiros forestais fixos descontinuos acórdase unha mellora das condicións económicas e da produtividade polo traballo realizado domingos e festivos

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez; acompañada da secretaria xeral técnica, Marta Forés; e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; asinou esta mañá dous acordos con representantes dos sindicatos CCOO, CSIF e UGT polos que se desenvolverán importantes melloras laborais para dúas categorías profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galicia: axentes forestais e facultativos medioambientais, e bombeiros forestais fixos descontinuos.

Sobre estes acordos, que supoñen un reforzo orzamentario de 6 millóns de euros, a conselleira do Medio Rural salientou “a vontade de diálogo” para seguir mellorando as condicións laborais do persoal do SPIF. Neste sentido, explicou que este proceso de negociación foi iniciado o pasado mes de abril con mesas de diálogo específicas.

Axentes: incremento de niveis e complemento de produtividade

No marco deste proceso negociador, no que se refire aos axentes forestais e facultativos medioambientais, e como anunciou o presidente Alfonso Rueda no Consello da Xunta do día 23 de marzo deste ano, incrementouse a Unidade de Dirección da Extinción (UDEX) na Dirección Xeral de Defensa do Monte, pasando de 6 aos 15 postos, e que xa están operativos. O obxectivo é mellorar a resposta ao novo tipo de incendios rexistrados nos últimos anos e os GIF (grandes incendios forestais) contando con equipos multidisciplinares, tendo así mesmo en conta a complexidade ante a declaración da situación 2 en incendios forestais con risco para bens e persoas.

Do mesmo xeito, co acordo asinado no día de hoxe, materialízase o compromiso adquirido pola conselleira do Medio Rural en 2025 dunha subida de nivel realizado debido á complexidade e os novos escenarios na extinción de incendios, e á maior responsabilidade adquirida polos profesionais encargados da dirección da extinción dos lumes forestais. Este acordo contempla o incremento progresivo ata o 1 de xaneiro de 2029 dos niveis de complemento de destino e específico dos postos.

Ademais, recibirán un incremento do complemento de produtividade asociado á gardas operativas a partir do 1 de xaneiro de 2027.

Estes acordos económicos supoñen un compromiso orientado á mellora das condicións retributivas do persoal con peche final das negociacións o 31 de decembro do 2029.

Cabe salientar que desde o ano 2019 este persoal vén tendo melloradas continuadas nas súas condicións laborais, con incrementos económicos e de niveis e coa creación da UIFO, formada por 15 postos de traballo.

Do mesmo xeito, a partir do 1 de xaneiro de 2027, o período extraordinario de traballo será de 4 meses que comprenderá, en todo caso, do 16 de xuño ao 15 de outubro, podendo incrementarse nun mes adicional que se determinará en función das circunstancias de risco de incendios.

Bombeiros forestais: retribución por domingos e festivos

Con respecto ao persoal fixo descontinuo que traballa no SPIF -bombeiros forestais- acórdase unha mellora das condicións económicas e da produtividade polo traballo realizado domingos e festivos. A implantación será progresiva con efectos do 1 de xullo de 2026 e ata o ano 2028.

Cómpre sinalar que no ano 2024, ademais de acordarse xa o pago dun complemento de produtividade por traballar domingos e festivos, incrementouse o período de traballo de 6 a 9 meses. A maiores, en 2023 creáronse 44 postos de traballo de persoal das Brigadas Helitransportadas e incrementouse o período de actividade de 608 postos do persoal fixo descontinuo de 9 a 12 meses, como consecuencia do proceso de funcionarización.

Do mesmo xeito, en 2019 ampliouse en 554 o número de efectivos de persoal laboral fixo descontinuo de apoio á tempada de alto risco, de xullo a setembro. Nese mesmo ano aumentouse tamén o período de traballo do persoal laboral fixo descontinuo de apoio á campaña de alto risco pasando de 3 a 6 meses de traballo.

Persoal técnico

Así mesmo, tamén se mantivo unha reunión de traballo coa mesa de negociación sobre o persoal técnico, e que continuará unha vez finalizada a campaña de alto risco. Nela abordouse a xestión dos coeficientes redutores, na que se acadaron avances de cara á súa aplicación ao persoal técnico do SPIF.

Cabe salientar que no marco deste proceso de negociación, xa desde o día 14 de xullo de 2026 regularizáronse sete postos do persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, adecuando a súa configuración ás funcións efectivamente desempeñadas.

Ademais, é importante ter en conta que a Consellería do Medio Rural promoveu a presentación dunha Proposición non de lei para apoiar que Administración xeral do Estado, competente na materia, recoñeza os coeficientes redutores ao persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais. Do mesmo xeito, en 2019 reforzáronse os servizos provinciais do SPIF, coa creación de diferentes postos de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2026