Galicia sitúase no foco internacional como referente en tecnoloxías cuánticas

O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, saúda aos asistentes á II Conferencia Internacional de Cuántica Empresa, organizada polo Cesga e Fujitsu

A Xunta, que marca como área estratéxica a cuántica no Plan galego de I+D+i 25-27, executa unha serie de actuacións para impulsar o seu desenvolvemento en Galicia

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025

Galicia sitúase estes días no foco internacional no ámbito das tecnoloxías cuánticas con motivo da celebración en Santiago de Compostela hoxe e mañá da II edición da International Quantum Business Conference, organizada por Fujitsu e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), en colaboración coa Xunta de Galicia. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, achegouse ata o encontro para saudar aos máis de 300 asistentes de dez nacionalidades que participan nesta cita que persegue potenciar as tecnoloxías cuánticas. Previamente, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou na apertura do evento.

A II Conferencia Internacional de Cuántica Empresa coincide cun momento de grandes fitos para o ecosistema galego de cuántica. Galicia tamén destaca na investigación en computación, comunicacións e sensórica cuántica a través das súas universidades públicas, centros tecnolóxicos e o Cesga, así como en infraestruturas.

Neste sentido, o Cesga acaba de adxudicar a compra dun novo ordenador cuántico cunha capacidade de 54 cúbits que se suma ao actual Qmio, de 32 cúbits, e o Vigo Quantum Communication Center dispón de tres laboratorios experimentais e unha estación óptica terrestre para comunicacións cuánticas. Ademais, Galicia participará no primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica (QEX) en Europa, a través do Cesga e das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e garantir o liderado europeo en computación cuántica.

Talento e sistema sólido

No eido do talento, destaca a oferta en formación con dous másteres especializados: o Máster en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica, das tres universidades, e o Máster en Computación de Altas Prestacións, das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Así mesmo, conta cun ecosistema sólido e estable, gobernado a través da Rede galega de tecnoloxías cuánticas que integra a administración, universidades, centros tecnolóxicos, clústeres e empresas. Celebráronse dous encontros co ecosistema desde 2024 e Galicia contribuíu ao Ano internacional da ciencia e da tecnoloxía cuántica e á Estratexia de tecnoloxías cuánticas de España.

A colaboración público-privada entre Fujitsu, Cesga e Xunta de Galicia enmárcase no proxecto Quorum Spain, ecosistema de innovación en tecnoloxías cuánticas en España, liderado desde Galicia co obxectivo de crear unha contorna colaborativa para fomentar a innovación no campo cuántico en España e posicionar ao país á vangarda das tecnoloxías do futuro, financiado por CDTI con fondos europeos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A cuántica está definida como unha iniciativa de alto impacto nunha área estratéxica no Plan galego de investigación e innovación 25-27, amosando así o compromiso do Goberno autonómico co desenvolvemento destas tecnoloxías a través do Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2025