O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Gómez Caamaño avanza que as obras do Centro de Protonterapia de Galicia rematarán en febreiro e dentro dun ano o Sergas será referencia neste tratamento para toda España

Destaca que Galicia será a primeira comunidade en ofrecer a protonterapia no sistema público de saúde

Subliña que este centro suporá un investimento de máis de 60 M€ entre obra e equipamento, contando co co-financiamento de fondos europeos FEDER

Pon en valor a importancia da colaboración da Fundación Amancio Ortega con este centro e outras achegas de alta tecnoloxía á sanidade pública

Os distintos compoñentes do ‘Proteus ONE’ comezaron a chegar o pasado mes de novembro, dando inicio á fase final do proxecto, que se estenderá por preto de 12 meses

O Centro de Protonterapia complementa outras liñas estratéxicas da Xunta para potenciar diagnósticos e terapias avanzadas fronte ao cancro

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que as obras do futuro Centro de Protonterapia de Galicia estarán completamente rematadas o vindeiro mes de febreiro e que, aproximadamente dentro dun ano, o Servizo Galego de Saúde converterase na referencia no tratamento oncolóxico coa terapia de protóns para toda España.

Durante a súa intervención, Gómez Caamaño salientou que este ambicioso proxecto situará Galicia na vangarda da medicina oncolóxica de precisión, achegando á sanidade pública o primeiro centro destas características en España.

A construción deste centro e a dotación do seu equipamento supoñen un investimento global superior aos 60 millóns de euros. Deste importe, a Xunta achega preto de 32 millóns de euros destinados a construción e ao equipamento xeral e de imaxe, contando co co-financiamento dos fondos europeos FEDER 2021-2027.

Por outra banda, a Fundación Amancio Ortega contribúe con 28 millóns para a adquisición do equipamento de protonterapia Protus One, facilitando o acceso da cidadanía á tecnoloxía sanitaria de vangarda.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor o compromiso da Fundación Amancio Ortega coa sanidade pública, acreditado no impulso da protonterapia e noutras achegas de alta tecnoloxía sanitaria.

Tras a chegada dos distintos compoñentes do equipamento, que comezou o pasado mes de novembro, este proxecto entrou na súa fase final, centrada na instalación e posta a punto da tecnoloxía de protonterapia. Trátase dun proceso altamente especializado que se prolongará por preto de 12 meses, momento no que o novo centro será entregado ao Servizo Galego de Saúde. 

Durante o tempo no que se desenvolve a derradeira fase do proxecto, levaranse a cabo tarefas de montaxe, calibración e probas técnicas imprescindibles para garantir a máxima precisión e seguridade dos tratamentos. En paralelo, tamén se realizará a formación específica do persoal, con cursos previos e estancias en centros de protonterapia, que deberán rematar no primeiro semestre de 2026.

Actualmente, as obras do futuro centro atópanse moi avanzadas, con máis do 91 % de execución, sendo o centro galego o máis adiantado dos nove que se están a construír en España.

O conselleiro subliñou o esforzo que o Goberno galego está a realizar para ofrecer aos usuarios da sanidade pública os últimos avances tecnolóxicos e terapéuticos dispoñibles. Nesta liña, lembrou a aposta da Xunta pola medicina personalizada e as políticas sanitarias centradas na detección precoz, poñendo de exemplo o desenvolvemento das vías rápidas e a extensión dos programas de cribado. 

Finalmente, o conselleiro asegurou que o Centro de Protonterapia de Galicia, xunto co futuro centro de terapias avanzadas, marcará “un antes e un despois” na atención ao cancro en Galicia, consolidando un sistema sanitario público de referencia, apoiado no talento dos seus profesionais e na incorporación da tecnoloxía máis punteira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2025