A Xunta instala 14 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación no rego de Aneiros, en Ferrol
O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, acaba de completar a instalación dun total de 14 paneis informativos na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) rego de Aneiros, no concello de Ferrol.
O obxectivo é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a estas zonas así como informar das medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas á veciñanza en caso de producirse algún episodio deste tipo.
Segundo recolle o Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta ARPSI rego de Aneiros pertence ao grupo IV, no que están as zonas de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.
Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa.
Augas de Galicia colocou xa estes indicadores en 19 concellos que contan con áreas con alto risco de inundación no seu territorio: Ames, Gondomar, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Arteixo, Sada, Fene, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Coruña, A Pobra do Caramiñal e Ferrol.
O organismo autonómico reforza así o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria relativa á xestión do risco de inundación.
Paneis con formatos e mensaxes adaptados
No caso concreto da Arpsi rego de Aneiros, cunha lonxitude de 1,7 km, o organismo hidráulico procedeu a colocar esta semana seis paneis xerais grandes —con información sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento—, outros seis reducidos e dous paneis infantís, cunha estética e linguaxe, neste caso, máis simples e adaptadas á idade do público ao que van dirixidos. Estes 14 elementos repártense entre zonas verdes, beiras da estrada e puntos próximos ao paseo marítimo.
Os traballos para instalar os novos carteis na contorna do rego de Aneiros ao seu paso polo municipio de Ferrol enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento de preto de 700.000 euros.
Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi desenvólvense tamén obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.