Belén do Campo presenta a nova desbrozadora de brazo adquirida polo Concello de Outes que contou cunha achega da Xunta de 30.000 €

Este Concello recibiu tamén outra subvención de máis de 13.000 euros para a contratación, o pasado verán, durante 3 meses, dunha brigada ambiental con 4 traballadores, compartida con Mazaricos

A delegada da Xunta explicou que as actuacións realizáronse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) competitivo que ten por obxectivo reverter o canon eólico en actuacións de conservación, restauración ambiental e cohesión territorial

Outes (A Coruña), 19 de decembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Outes, Francisco Calo, presentaron a nova desbrozadora de brazo adquirida polo Concello cunha axuda de da Xunta de case 30.000 euros. Outes tamén  recibiu outra subvención de máis de 13.000 euros para a contratación, o pasado verán, durante 3 meses, dunha brigada ambiental con 4 traballadores, compartida con Mazaricos.  Ambas axudas que suman 43.000 euros foron concedidas ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental competitivo.

Belén do Campo destacou que o Concello de Outes aposta de maneira decidida polo coidado do medio ambiente e pola conservación dos seus espazos naturais. Entre as medidas postas en marcha destaca a limpeza de camiños e pistas municipais, unha actuación clave tanto para a prevención de incendios forestais como para a preservación do valor ambiental do territorio.

Na actualidade, o Concello de Outes dispón de tres tractores equipados para a limpeza de beiravías e a mellora das vías municipais. Neste senso, a delegada explicou que para optimizar o seu uso era necesario a renovación do equipamento mediante a adquisición desta desbrozadora articulada de brazo, co obxectivo de optimizar estas tarefas e mellorar a eficiencia dos traballos realizados.

Así mesmo, destacar que unha parte significativa das intervencións previstas coa nova maquinaria se desenvolverán dentro de zonas de espazos naturais, o que reforza a importancia de contar con medios adecuados e respectuosos co entorno.

A nova desbrozadora de brazo ten un alcance de 5 metros, está equipada cun cabezal desbrozador cun ancho total de 1,40 metros e un ancho efectivo de corte de 1,20 metros, o que permitirá mellorar notablemente os traballos de mantemento e conservación do municipio.

Cooperación institucional

Durante o visita, a representante do Goberno autonómico puxo en valor a cooperación entre administracións como “peza clave para avanzar na protección do patrimonio natural galego”.

Na Comarca de Barbanza xunto ao Concello de Outes, tamén resultaron beneficiarios da liña competitiva os municipios de Boiro, Noia, Lousame, Ribeira e outra axuda compartida polos concellos de Outes con Mazaricos. Un total de 6 concellos por un importe total de máis de case 147.000 euros.

“Os concellos son as administracións que mellor coñecen o territorio e as súas necesidades, e por iso desempeñan un papel fundamental na súa protección e xestión sostible”, destacou a delegada.

Compromiso coa conservación do medio natural

Con estas achegas a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible e co respecto polo medio natural mediante o Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2025, que destina 9,2 millóns de euros a diferentes iniciativas en toda a comunidade. Na provincia da Coruña as dúas liñas deste Fondo contaron, a non competitiva con máis de 2,2 millóns de euros para 49 beneficiarios e a competitiva con case 700.000 euros para 26 beneficiarios. En total preto de 3 millóns de euros.

A representante do Goberno galego subliñou que o Fondo de Compensación Ambiental constitúe unha ferramenta clave para protexer a biodiversidade, preservar o patrimonio natural e fomentar a recuperación sostible dos concellos galegos.

Segundo explicou, a través da modalidade competitiva, aberta ao conxunto das entidades locais galegas e a da non competitiva, dirixida especificamente aos municipios afectados pola presenza de parques eólicos, dase resposta ás diferentes necesidades do territorio.

Con estas axudas a Xunta mantén o seu apoio aos concellos galegos preservación do medio ambiente ao tempo que promove unha xestión eficiente e responsable dos recursos naturais, consolidando así unha Galicia máis verde, equilibrada e sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2025