O presidente do Executivo autonómico participou nos actos de conmemoración do 25 aniversario da empresa Plexus Tech

Rueda vincula o bo momento da innovación galega ao labor das empresas punteiras, á colaboración público-privada e ás políticas autonómicas

Destaca que o sector TIC rexistra o número máis alto de empregados da súa historia en Galicia

A Xunta destinará só en 2026 uns 47 millóns de euros á innovación empresarial

Pon en valor que os avances na I+G+i, a I+D+i galega, permiten que a comunidade vaia ser sede dunha das 19 fábricas de intelixencia artificial que hai en Europa

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a innovación galega está vivindo o seu mellor momento e atribuíuno ao labor das empresas punteiras, a unha fluída colaboración público-privada e a unhas políticas autonómicas ambiciosas: “Todos os centros de excelencia que están a traballar en Galicia retendo o talento e captando o de fóra é froito dun traballo en equipo”, resaltou o presidente.

Así o explicou durante os actos de conmemoración do 25 aniversario da empresa Plexus Tech, unha compañía especializada en servizos e produtos de tecnoloxía da información que se ten consolidado como un referente a nivel nacional e internacional: “Estamos moi agradecidos porque as raíces de Plexus sigan aquí despois de crecer tanto. Plexus segue aquí, sendo unha empresa galega, de Galicia Calidade”, salientou.

Durante a súa intervención, eloxiou a súa traxectoria e agradeceu a súa colaboración en distintas iniciativas da administración autonómica, como a Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 (MoBT), unha iniciativa que integrará todo o sistema de transporte da Xunta de Galicia nunha única app e web e permitirá o pago co teléfono móbil no autobús, e que se atopa en piloto nalgunhas liñas do transporte interurbano da Xunta.

Rueda engadiu que Plexus Tech é unha das empresas galegas que están demostrando o potencial tecnolóxico e innovador da comunidade autónoma, e a súa capacidade de competir en igualdade de condicións con outros territorios: “Probablemente vailles tan ben porque non esquecen de onde son, como empezaron, o difícil que foi ao principio e o necesario que era que houbese apostas potentes”, apuntou o presidente.

Actualmente, Galicia é a quinta comunidade autónoma con máis empresas TIC, un sector que ademais rexistra o número máis alto de empregados da súa historia -unhas 23.500 persoas, segundo os últimos datos dispoñibles-. Rueda destacou tamén que Galicia avanza en xeral na innovación, e que de feito é a segunda comunidade que máis postos escalou na clasificación europea de rexións innovadoras: “Esta é unha Galicia que aposta polas TIC, onde toda a industria que vira ao redor das novas tecnoloxías ten enorme importancia”, destacou.

Co obxectivo de seguir consolidando esta tendencia, a Xunta está poñendo en marcha un amplo abano de políticas públicas, entre as que destacan os 47 millóns de euros  que se destinarán en 2026 para fomentar a innovación entre as empresas: “Estamos a conseguir enormes alegría e satisfaccións, como a nova fábrica de IA ou o novo edificio para o Cesga e o supercomputador que vai albergar”, apuntou Rueda.

Por último, Rueda puxo en valor que a boa marcha da I+G+i, a I+D+i, galega, permiten acadar fitos moi importantes, como o feito de que Galicia teña sido elixida como sede dunha das 19 fábricas de intelixencia artificial que hai en Europa. Neste caso, estará especializada en temas sanitarios e permitirá avances en materia como a vixilancia de epidemias, a predición de biotoxinas nas rías, a medicina de precisión ou a detección temperá de incendios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2025