O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado pola directora xeral de Xuventude, participou na entrega dos premios nas distintas categorías do certame

López Campos erixe o Xuventude Crea como “espello e escaparate da nosa Galicia Calidade”

Fai fincapé na “importancia dunha iniciativa consolidada e con gran reputación no mundo cultural e artístico galego”

O representante do Goberno galego gaba “a alta calidade das propostas que demostran unha mocidade preparada e comprometida coa nosa cultura”

Os galardóns abranguen 16 disciplinas para as que se inscribiron máis de 600 persoas

A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude suma desde o seu comezo preto de 6.000 participantes e máis de 4.000 obras presentadas

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe o Xuventude Crea como “espello e escaparate da nosa Galicia Calidade e do grande talento da nosa mocidade”. Fíxoo, acompañado da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, na gala final deste certame que se celebrou na Cidade da Cultura.

Así, durante a cita, o responsable autonómico de Xuventude, destacou a importancia da décimo sexta convocatoria desta iniciativa “consolidada e con gran reputación no mundo cultural e artístico galego”, organizada pola Xunta de Galicia para incentivar a creación entre os  mozos e mozas e impulsar os seus proxectos. López Campos gabou así mesmo “a alta calidade das propostas que demostran unha mocidade preparada e comprometida coa nosa cultura nunha edición na que participaron máis de 600 persoas”.

Por outra banda, o conselleiro de Xuventude puxo en valor o compromiso de todo o Goberno galego con este galardón que brinda unha oportunidade única á mocidade para amosar o seu bo facer nas distintas disciplinas. Así se reflicte, como explicou, na participación doutros departamentos da Administración autonómica como a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ou a Axencia Galega das Industrias Culturais.

Deste xeito, grazas aos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego os responsables das obras gañadoras terán a posibilidade de ser seleccionados para un programa de formación e mentoring para poñer en marcha o seu proxecto. Pola súa parte, desde o Centro Dramático Galego apoiarase ás persoas ou compañías gañadoras da sección Pro na categoría de teatro, impulsando o lanzamento da súa proposta artística.

16 categorías premiadas

Os premios do Xuventude Crea 2025 recaeron en 16 modalidades. No caso do teatro dividiuse en duas seccións, con cadanseus recoñecementos: o apartado Amador para grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, e o apartado Pro para compañías de nova creación, profesionais emerxentes, grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.

No caso das artes plásticas, recibiu o primeiro premio Cristian Paz, de Puzo-Ponteareas, coa escultura O brutal acto de amar: bicos; o segundo foi para Eloy Hermida, de Narón, coa pintura Agoiro; mentres que o terceiro recibiuno Sara González, do Rosal, coa pintura Retrato dunha familia real, e as mencións de honra foron para Carmen Omil, de Mela, coa escultura Enmarcando o incerto e Judit Vaquero, de Pontevedra, coa proposta Pintura de auga nº1.

Na arte urbana, gañou o primeiro premio María Martelo, de Ordes, con Se as paredes falasen; o segundo recaeu en Miguel Aurelio Cajaraville, de Baiona, con Centola de Laza, e o terceiro en Blanca Alejandra Cortijo, da Coruña, con Gallo. No que respecta á banda deseñada, os recoñecementos foron en primeiro lugar para Laura González, de Milladoiro-Ames, con Os segredos da terra: a nai de Celia; en segundo para Pablo Andrés Pereira, de Vigo, por Sinais do comezo, en terceiro para Luciano Ripio, da Coruña, con Linguaxe propia, e a mención de honra para Sara Fernández, de Vigo, con Patiñas.

Os galardóns en cociña levaron ao primeiro posto a Mónica Martínez, de Ribadumia, pola súa proposta As tres marabillas; ao segundo lugar a Inés Acuña e Noelia Varela, de Mondariz, pola Cremosiña de augardente co sabor a entroido, e ao terceiro a María Cristina Domínguez, da Coruña, con Cilindro de castaña recheo de tartar de vieiras, sobre salsa de peixe e pingas de sabor.

Na videocreación, distinguiuse a Fabiola Quintela, de Vigo, por Retratos do escuro; en segundo lugar a Luján Monteiro, do Porriño, por Dúas señoras - Videoclip, e en terceiro a Antía Rodeiro e Blanca Navarrete, de Cambre, por Maronda. Na categoría de videoxogos resultaron premiados o equipo de Javier Mayor, de Lugo, por Kitty Witchy, o equipo de Antonio Ordóñez, da Coruña, por Alta costura, e o equipo de Marcos Parada, de Arbo, por After Juce: Animal Disco Mafia.

En danza moderna gañou o primeiro Miguel Figueiro, de Lugo, coa obra Yo Quisiera, e o segundo Uxío Alonso, de Lugo, por Perigo de extinción. Mentres, o terceiro foi compartido por Javier Vázquez, de Sada, por Cinzas, e por Irene Sisto, de Lugo, com Negra Sombra.

En canto ao deseño de xoias, recoñeceuse o traballo de Carlota Cao, de Ourense, con Parque de bólas; Sandra Marcuño, de Rianxo, con Isomorfías, e Rebeca García, de Pobra do Caramiñal, por Tradición e vangarda.

A especialidade de DJ tivo como vencedor a Lucas Valoria, da Coruña, con Elviña rythms, acompañado no segundo lugar por Inmaculada Veiga, de Santiago de Compostela, con Éter, e no terceiro lugar de Guillermo González, de Vigo, con GlobalBass.

As obras premiadas en fotografía foron Viaxeira I, de Jade Rodríguez, de Ourense; Cartografía do azul, de Lara Barreiro, de Rois, que compartiu o segundo premio con Lidia Amado, de Narón, con Anómalo, sendo o terceiro tamén compartido entre Sara Gil, de Ames, con Florita, e Dania Emilia Pol, de Vigo, con Penta e a mención de honra recaeu en Iago Lourido, de Santiago de Compostela, con Soterrat.

En moda levou o primeiro premio Nahir Álvarez, da Guarda, con La forma del miedo; o segundo, Lucía Beltrán, de Pontevedra, con LITURXIAS: Superficial e ficticia, e Sara Rodríguez, de Rois, conseguiu o terceiro con Ruliña.

No apartado de música o primeiro posto recaeu en Martín Rodríguez, de Vigo, con Obsesión e Lembrar; o segundo en Abraham Santiago Reboredo, de Ourense, con Empatía, un idioma para entendelo todo e Son de Ourense, e o terceiro en Alba Raña, de Vigo, con Fantasía sobre lela e Sonata nº48 en mi mayor, hob xvi 31, moderato.

A especialidade de novela curta premiou a obra Nós, os tolos, de Tania Castelo, de Noia; en segundo lugar Goma de borrar, de Laura Variela Gutiérrez, de Xinzo de Limia, e en terceiro Os mundos pintados de Marta, de Aarón Barreira, de Culleredo. Mentres, en poesía recoñeuse a Ciro Fernández, da Pobra do Caramiñal, con Soño con días altos; a Clara Pérez, de Ourense, con Con infusión de llantén, e a Xian Lois Alcayde, de Pontevedra, con As familias.

Na categoría de teatro foi merecedor do primeiro premio na modalidade Pro a compañía Desatadas, de Vigo, coa obra Dolce far niente; do segundo Bengala Teatro Físico, de Lugo, coa peza En carne viva, e do terceiro As extraordinarias, de Vigo, con Apagón. No que respecta ao apartado Amador, gañou o grupo Os Palimoquiños, de Lugo, con Zulo; seguido de La Barata Producións, de Santiago, con Abandonar toda esperanza, e de Vai no dentista, de Santiago, con A batalla da fin do mundo.

Data de actualización: 19/12/2025