Rueda reivindica o compromiso da Xunta coa transformación de Ferrol a través dunha nova fachada marítima máis amable e conectada

Destaca que o inicio da segunda fase de ‘Abrir Ferrol ao Mar’ supón derrubar unha fronteira tanto física como mental

Agradece a xenerosidade e o consenso entre administracións —Xunta, Concello e Ministerio de Defensa— para facer realidade unha demanda histórica da cidadanía

A continuación dos traballos iniciados no mes de febreiro conta cun investimento conxunto de 11 millóns de euros entre Goberno galego e Concello e permitirá actuar en 3 quilómetros de litoral

Ferrol, 19 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao inicio das obras da segunda fase do proxecto Abrir Ferrol ao Mar, unha actuación que cualificou de "histórica e simbólica" e que simboliza o compromiso do Goberno galego coa transformación da cidade a través dunha nova fachada marítima máis amable e conectada.

Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, cualificou o proxecto como “unha demanda histórica” da cidadanía de Ferrol, e puxo en valor o derrubamento do muro iniciado nesta xornada como un acto cargado de simbolismo xa que "supón derrubar unha fronteira tanto física como mental", afirmou. Así mesmo, o presidente salientou o compromiso da Xunta cunha actuación que supón que a cidade “recuperase e transformase a súa fachada marítima”, abríndose ao mar “pero sobre todo ao seu futuro”.

Tras a inauguración da primeira fase o pasado febreiro na contorna de Curuxeiras –realizada en conxunto pola Xunta e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao–, esta segunda fase do proxecto estenderá a recuperación do litoral aos barrios da Magdalena, Esteiro e Caranza. As obras permitirán actuar en 3 quilómetros de costa para reordenar o tráfico rodado, prolongar carrís bici e sendas peonís; aumentar as prazas de aparcadoiro; e garantir unha continuidade estética e paisaxística en todo o bordo litoral.

Segundo sinalou o titular do Executivo autonómico, esta actuación conta cun investimento conxunto de 11 millóns de euros, cofinanciado entre a Xunta e o Concello de Ferrol. Así, enxalzou a colaboración entre administracións e agradeceu a disposición tanto do Concello de Ferrol como do Ministerio de Defensa.

O obxectivo final, tal e como apuntou Rueda, é acadar unha cidade "máis amable, máis conectada”, co valor de “transformarse para seguir gañando calidade de vida”, e que “non viva de costas ao seu maior activo”, sen perder as raíces dun símbolo cultural e económico da urbe como é o Arsenal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2025