Belén do Campo destaca o investimento de máis de 114.000€ para mellorar a seguridade e a accesibilidade no polígono da Tella en Ponteceso na estrada AC-419 coa renovación da rede de pluviais, beirarrúas e pavimentos
A delegada da Xunta comprobou o resultado das actuacións que permitiron renovar un total de 722 metros lineais da rede de pluviais, así como repoñer 175 metros lineais de bordos e beirarrúas, ademais de reparar distintos treitos deteriorados da calzada e das zonas de aparcadoiro
Ponteceso (A Coruña), 10 de novembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato e o director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitaron o parque empresarial da Tella en Ponteceso para coñecer o resultado das actuacións de mellora das súas infraestruturas, que contaron cunha achega autonómica de máis de 91.000 euros para a renovación das súas infraestructuras viarias. A actuación, executada co colaboración do Concello, supón un investimento total de 114.000 euros.
O recinto empresarial ocupa unha superficie de case 60.000 metros cadrados e alberga 34 empresas en funcionamento, cunha ocupación do 75%, polo que constitúe un dos principais espazos de actividade económica da comarca de Bergantiños.
Belén do Campo puxo en valor o resultado destas actuacións, que se executaron na marxe dereita da estrada AC-419, unha intervención destinada a mellorar o estado das infraestruturas viarias, reforzar a seguridade de peóns e condutores e garantir un mellor funcionamento da rede de recollida de augas pluviais.
Os traballos permitiron renovar un total de 722 metros lineais da rede de pluviais, así como repoñer 175 metros lineais de bordos e beirarrúas, ademais de reparar distintos treitos deteriorados da calzada e das zonas de aparcadoiro.
En concreto, unha das principais intervencións centrouse na mellora do sistema de drenaxe, que presentaba deficiencias e elementos deteriorados que podían supoñer un risco tanto para os vehículos como para os peóns. Para solucionar estas incidencias, instalouse un novo colector soterrado de 315 milímetros de diámetro, habilitáronse novos sumidoiros para facilitar a recollida das augas pluviais e renováronse as canaletas de formigón, os pozos de rexistro e as conexións das baixantes dos edificios á rede.
Así mesmo, actuouse nos treitos de beirarrúa que presentaban danos. Dado que estas zonas soportan habitualmente o paso de vehículos pesados para acceder ás naves, executouse un pavimento continuo de formigón armado de 15 centímetros de espesor, adaptado ás necesidades de resistencia deste tipo de tráfico. Tamén se repuxeron os bordos para mellorar as condicións de accesibilidade e seguridade.
Por outra banda, as obras incluíron a reparación dos puntos deteriorados da calzada e das zonas de aparcadoiro, onde se detectaran deformacións, desniveis entre lousas, roturas superficiais e desperfectos derivados de anteriores intervencións nas canalizacións. Nestes treitos demoleuse o pavimento afectado e substituíuse por un novo de formigón armado de 20 centímetros de espesor, preparado para soportar tráfico pesado.
Durante a supervisión, Belén do Campo destacou a importancia de actuar sobre estas infraestruturas para mellorar as condicións de circulación e tránsito peonil, corrixir os desperfectos existentes e prolongar a vida útil dos pavimentos, especialmente nunha zona que soporta o paso habitual de vehículos de gran tonelaxe.
A delegada puxo en valor o resultado dunha intervención que permite contar cunha rede de drenaxe renovada e con pavimentos e beirarrúas en mellores condicións, contribuíndo a mellorar a seguridade, a funcionalidade e o mantemento desta contorna.
Máis de 1,3 millóns de euros para os parques empresariais da provincia da Coruña
As intervencións enmárcanse na convocatoria de axudas de 2026 da Xunta para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos, dotada con 3,5 millóns de euros e destinada a financiar actuacións que favorezan a modernización e a sustentabilidade destes espazos. As actuacións da Tella das 53 actuacións financiadas en toda Galicia.
Na provincia da Coruña concedéronse 22 axudas en 18 concellos, que benefician 19 parques empresariais, por un importe próximo aos 1,3 millóns de euros e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, ademais da actuación en Ponteceso tamén se aprobou outra axuda no parque empresarial de Bértoa de Carballo por un importe de case 40.000 euros tamén para a renovación das súas Infraestruturas viarias, o que eleva as achegas da Xunta nesta comarca a máis de 130.000 euros.
Belén do Campo explicou que estas subvencións poden cubrir ata o 80 % do investimento subvencionable, cun límite de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as conxuntas.
Como novidade da convocatoria deste ano, tamén se podían financiar melloras das infraestruturas e dos espazos públicos dos parques empresariais para favorecer a súa integración paisaxística. Ademais, as axudas permitían acometer actuacións relacionadas coa iluminación pública, as plantas de depuración de augas, os colectores con vertido á depuradora municipal, a xestión de residuos, as infraestruturas viarias e os servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.
A delegada subliñou a importancia de apoiar os concellos que xa dispoñen de parques empresariais en funcionamento e que precisan modernizar as súas instalacións para ofrecer mellores servizos ás empresas e favorecer o desenvolvemento da actividade económica.