Nunha actuación valorada en máis de 200.000€
Ábrese o proceso de licitación para que as empresas presenten as súas propostas para acometer obras de mellora da seguridade vial no Camiño Inglés
A actuación suporá unha senda e unha pasarela peonís ao seu paso pola Sionlla, en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2026
A Xunta de Galicia publicou na plataforma de contratación pública Contratos de Galicia a licitación para a contratación da obra a través da que se executará a mellora do Camiño Inglés, ao seu paso pola Sionlla, en Santiago de Compostela, concretamente nun treito no que a circulación das persoas coincide co tráfico de vehículos da nacional 550.
Mediante o proxecto búscase fomentar o modelo de mobilidade sostible e mellorar a accesibilidade na ruta, ao tempo que se pon en valor o benestar social da poboación e se potencia o territorio interior de Galicia e o Camiño de Santiago.
Para isto, mellorarase o itinerario con senda e pasarela peonís, que diferencie o tránsito de persoas do de vehículos e que xere un espazo seguro de comunicación na desembocadura do Camiño de Santiago na beira norte do río Sionlla ata a súa continuación e desvío cara o oeste pola estrada que da acceso ao CEIP Arquitecto Novoa.
As principais actuacións previstas consisten en afastar o trazado afastado da nacional 550; a execución dunha pasarela peonil de aceiro corten cunha lonxitude de 22 metros sobre o rio Sionlla; a mellora da sinalización; e a execución de pavimentos flexibles. A actuación está orzamentada en 239.332,17€ e está previsto que se reparta en dúas anualidades. O prazo de presentación das propostas rematará o vindeiro 1 de decembro.
Mellora da seguridade viaria
A Xunta de Galicia está a traballar na mellora da seguridade viaria dos distintos itinerarios que compoñen o Camiño de Santiago, co horizonte fixado no próximo Ano Santo 2027. Entre as diferentes accións inclúese tamén o Plan de mellora da seguridade viaria dos camiños de Santiago, dotado cun orzamento de ata 40M€, que inclúe reformas en máis de 150 quilómetros de nove rutas.