O presidente galego mantivo un encontro con representantes da Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos) e da Asociación Madres Solteras por Elección
Rueda destaca o compromiso da Xunta coas familias monoparentais e lembra que Galicia foi das primeiras comunidades en darlles un recoñecemento específico
Galicia conta desde 2011 cun certificado oficial que lles acredita para obter beneficios e vantaxes
As familias monoparentais da comunidade teñen descontos nas tarifas do comedor escolar e campamentos xuvenís ou máis puntuación á hora de acceder as escolas infantís ou a vivenda de promoción autonómica
O presidente lamenta que España non conte cunha normativa que regule de forma uniforme este tipo de fogares
Salienta que desde o 1 de xaneiro as familias monoparentais beneficiaranse da nova baixada fiscal para a compra de vivenda usada aprobada pola Xunta
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Executivo autonómico coas familias monoparentais e lembrou que Galicia foi das primeiras comunidades en aprobar un recoñecemento específico que lles permite acceder a diferentes beneficios e vantaxes.
Durante un encontro con representantes da Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos) e da Asociación Madres Solteras por Elección, no que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o presidente trasladou o obxectivo da Xunta de seguir reforzando o apoio a este tipo de familias e lamentou que o Goberno central aínda non aprobase unha normativa estatal que regule de forma uniforme e común este tipo de fogares en toda España.
Nesta liña, Rueda salientou que Galicia conta desde 2011 cun certificado oficial que acredita a condición de familia monoparental, o que permite que estes fogares teñan puntuación adicional á hora de acceder a escolas infantís e casas niño; protección preferente na vivenda autonómica ou descontos nas tarifas do comedor escolar ou dos campamentos xuvenís que organiza o Goberno autonómico.
Por ultimo, o presidente lembrou que o vindeiro 1 de xaneiro entrará en vigor a nova bonificación fiscal para as familias monoparentais de Galicia que adquiran unha vivenda usada, grazas á modificación do Imposto de Transmisión Patrimoniais (ITP) impulsada pola Xunta de Galicia. Esta baixada de impostos -que pasa do 8% ao 3% para estas familias e mesmo pode chegar ao 0% no caso de zonas pouco poboadas- non se aplicará na compra de vivenda nova dado que esta operación tributa no Imposto sobre o Valor Engadido (IVE).