A Xunta colabora coa iniciativa ‘Nadal na Milagrosa’ que organiza a Asociación de Empresarios e Comerciantes do barrio da Milagrosa, en Lugo
Haberá obradoiros, sesións de contacontos e espectáculos de maxia, entre outras propostas dirixidas a todos os públicos, co obxectivo de dinamizar esta zona da cidade durante as festas de Nadal
Lugo, 22 de decembro de 2025
A Xunta colabora coa Asociación de Empresarios e Comerciantes do barrio da Milagrosa, en Lugo, na posta en marcha da programación ‘Nadal na Milagrosa’, unha iniciativa que inclúe unha ducia de propostas lúdicas dirixidas ao público familiar e que se desenvolverán en diferentes localizacións desta zona da cidade.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, presentou o programa de actividades xunto representantes do colectivo organizador. A programación comeza esta mesma tarde, ás 17,30 horas, co obradoiro ‘Ven pintar o teu adorno de Nadal’, que se desenvolverá no centro social da Praza da Milagrosa, impartido por Bebé Ratón. Mañá, ás 18,00 horas, o mago Rafa actuará no colexio Divina Pastora-Salesianos e, unha hora máis tarde, os máis pequenos recibirán a visita de Papá Noel na pista de xeo instalada na praza do barrio, onde lle poderán entregar as súas cartas.
As actividades retomaranse o venres 26 de decembro, ás 17,00 horas, cunha sesión de contacontos a cargo de ‘Saving Christmas’, tamén no centro social. Os Bolechas estarán o domingo, a partir das 17,00 horas, na praza da Milagrosa onde, a continuación, se poderá ver unha exhibición do alumnado da escola de danza Stardance.
O martes 30 estará dedicado ás persoas maiores, cunha chocolatada na praza e un concerto de Verónica Cambón no centro social.
A programación continuará no novo ano con actividades dirixidas ao público infantil. O día 2 de xaneiro celebraranse xogos de Nadal e un obradoiro de repostería, mentres que o día 3 haberá unha sesión de contacontos e un obradoiro de Reis, todo elo no centro social.
O día 5 de xaneiro, o Paxe Real recollerá as cartas dos nenos e nenas, que serán recibidos polos Reis Magos a partir das 20,00 horas na parroquia. As actividades rematarán o propio Día de Reis cunha chocolatada para os máis pequenos, pola tarde, na Praza da Milagrosa.
O delegado territorial puxo en valor o traballo da Asociación de Empresarios e Comerciantes da Milagrosa para deseñar unha completa programación que contribuirá á dinamización social e comercial do barrio durante as festas de Nadal.