A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe coa empresa Orange, beneficiaria das axudas do Igape para implantar estas infraestruturas
A Xunta concede 4 millóns de euros para impulsar tres novos centros avanzados de uso compartido para empresas en Galicia
A conselleira lembra que o obxectivo do programa é xerar cadeas de valor e conectar empresas tractoras con outras de menor tamaño que se poidan beneficiar de recursos de alto valor engadido
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria deste ano, na que se concederon axudas a tres firmas que recibirán ata o 60 % do investimento previsto
A Coruña, 23 de decembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou esta mañá “o importante esforzo que está a facer a industria galega para innovar e posicionarse como empresas modernas e tecnoloxicamente avanzadas”. “Un traballo que conta co apoio da Xunta para potenciar un sector que en Galicia é moi potente e que vai permitir aumentar a competitividade do noso tecido empresarial”, insistiu.
A conselleira visitou hoxe no Centro de servizos avanzados da Cidade das TIC na Coruña, unha das tres empresas beneficiarias do Programa Infraestructuras estratéxicas abertas, que impulsa o Igape e cuxa resolución sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Trátase de Orange Espagne, S.A.U. (Grupo MasOrange), responsable do Proxecto AI4B: Intelixencia artificial para empresas, que recibirá unha achega de 1,3 millóns de euros para poñer en marcha unha plataforma de intelixencia artificial dirixida ao mercado B2B.
Lorenzana lembrou que esta orde de axudas está dirixida a grandes empresas galegas para que fomenten un ecosistema produtivo máis moderno, colaborativo e competitivo do que se poidan beneficiar pemes e emprendedores “que son quen ten maior dificultade para incorporar esa innovación nos seus procesos produtivos, nos seus produtos, na súa organización e tamén nos seus servizos”, indicou ao tempo que destacou a proposta de Orange ao combinar dous elementos esenciais: o acompañamento ás empresas tecnolóxicas para que poidan desenvolver solucións innovadoras e a posta a disposición do empresariado galego destes produtos punteiros.
María Jesús Lorenzana subliñou o traballo que tanto o tecido empresarial como as administracións están a realizar no reto de avanzar na innovación industrial. Un esforzo que se traduce en cifras “tal e como estamos vendo en Galicia, que segundo datos do INE, disparou o seu gasto en innovación empresarial un 30 %, ata os 1.073 M€, o que nos sitúa como unha das comunidades con maior crecemento”. Lorenzana tamén se referiu ao incremento no peso que a Comunidade galega ten no investimento en innovación en España “no que alcanzamos xa o 4,6 % do total nacional”.
Ademais de Orange Espagne S.A.U. resultaron beneficiarias da convocatoria deste ano as firmas Alén Space e o Real Club Celta de Vigo. En total, o Goberno galego concederá preto de 4 millóns de euros para impulsar a posta en marcha de tres novos centros avanzados de uso compartido e aberto en Galicia.