A Xunta aproba o decreto de integración no Servizo Galego de Saúde do persoal e dos medios materiais das 13 unidades municipais de atención á drogodependencia
O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinala que o traspaso se fará efectivo este 1 de xaneiro e que este “facilitará a atención integral dos pacientes” e a “derivación a outros servizos” garantindo un servizo de máxima calidade
Trátase das unidades situadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa, que a partir do 1 de xaneiro
O Goberno galego dedicará máis de 4,8 M€ a estes dispositivos asistenciais, que ata o de agora se financiaban a través dun convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias
O Servizo Galego de Saúde asume as 95 prazas que compoñen o cadro de persoal destas unidades
O obxectivo da integración é mellorar a asistencia ás persoas usuarias destes dispositivos, nos cales o ano pasado foron atendidos máis de 7.100 pacientes
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
O Executivo galego aprobou hoxe o decreto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servizos e medios persoais e materiais da atención sanitaria prestada polas 13 unidades asistenciais de atención á drogodependencia (UAD) de titularidade municipal que, tal e como informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a partir do 1 de xaneiro de 2026, quedan integrados no Servizo Galego de Saúde.
Segundo sinalou Rueda, o traspaso, que responde a un “compromiso adquirido coa Federación Galega de Municipios e Provincias” e os propios concellos, “facilitará a atención integral dos pacientes” así como “a derivación a outros servizos” garantindo un servizo de máxima calidade.
Trátase das unidades situadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
O documento recompila o persoal que se traspasa, os postos de traballo vacantes e os bens inmobles que se traspasan, así como os contratos obxecto de traspaso e/ou subrogación. A valoración do custo dos medios humanos e materiais ascende a 4.887.374,09 euros.
Na epígrafe de persoal, é obxecto de traspaso o persoal funcionario de carreira e laboral fixo de categorías sanitarias, así como o que reúna a mesma condición de fixeza e pertenza a categorías de persoal non sanitario, sempre que desenvolva as súas tarefas na unidade asistencial de atención á drogodependencia a xornada completa.
En canto ás prazas vacantes, o decreto recolle dúas garantías. Por unha banda, o persoal temporal que estea a participar nun proceso de estabilización permanecerá ata a resolución do proceso de selección e, se o supera, traspasarase ao Servizo Galego de Saúde como funcionario de carreira ou persoal laboral fixo.
Por outro lado, os e as traballadores que estean a substituír un/unha profesional que se traspasa permanecerán nas súas funcións ata a incorporación da persoa substituída ou ata a perda do dereito á reserva de praza ou, de ser o caso, ata a finalización do prazo establecido no contrato laboral ou no nomeamento.
O cadro de persoal que se vai traspasar compóñeno 95 prazas, das cales 25 están vacantes. Nelas inclúense profesionais de psicoloxía, de enfermaría, de medicina, de psiquiatría, persoal auxiliar de clínica, de traballo social, de educación social e persoal auxiliar administrativo, entre outras categorías.
O persoal das 13 unidades que se van traspasar atenderon en 2024 máis de 7.100 pacientes, que foron concretamente algo máis de 5.600 homes e preto de 1.500 mulleres. O obxectivo da integración é optimizar a asistencia que se lles presta nestas unidades.
Unha vez efectuado o traspaso, desenvolverase o proceso de integración no réxime estatutario de tales profesionais. Esta opción de integración terá carácter voluntario. En canto non se desenvolva este proceso, os profesionais manterán as condicións laborais que tiñan ata agora.
O traspaso foi acordado nunha comisión mixta constituída por seis representantes da Xunta de Galicia (pertencentes ás consellerías de Sanidade e de Facenda e Administración Pública, ademais do Servizo Galego de Saúde), tres representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tres en representación das propias unidades.
O acordo recolle, ademais, os bens inmobles que albergan as unidades de atención ás drogodependencias, que continuarán a pertencer ao patrimonio de cada concello ou entidade pública que sexa titular, sen prexuízo da posta á disposición do seu uso a favor do Servizo Galego de Saúde.
O traspaso dos servizos obxecto deste acordo, así como dos medios persoais e materiais, farase efectivo a partir do 1 de xaneiro de 2026.
Ata o momento, o funcionamento das unidades financiábase a través de convenios entre a Xunta de Galicia e a Fegamp.