A Xunta licita por preto de 110.000 € a redacción do proxecto básico e de execución da obra do hospital de día oncohematolóxico do hospital de Barbanza
O obxectivo é evitar que os pacientes de cancro desta comarca teñan que desprazarse a Santiago para as consultas máis rutineiras e para recibir os tratamentos máis sinxelos
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 19 de xaneiro para presentar as súas ofertas
O prazo de execución do contrato será de tres meses e medio para a redacción do proxecto básico e de execución
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
A Xunta publicou hoxe, no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación, por importe de 109.807 euros, da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra para a construción do Hospital de día Oncohematolóxico no Hospital Público de Barbanza, en Ribeira.
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 19 de xaneiro para presentar as súas ofertas.
O prazo de execución do contrato será de tres meses e medio para a redacción do proxecto básico e de execución. Concretamente, para a redacción do proxecto básico estipúlase 1,5 meses, contando desde a formalización do contrato; e para a redacción do proxecto de execución, 2 meses desde a aprobación do proxecto básico. No caso da dirección de obra, o prazo de execución será o que resulte da oferta da adxudicataria da obra de construción, ao que se lle incrementará o tempo necesario para realizar os traballos de recepción, liquidación e prazo de garantía de obra.
A previsión do Servizo Galego de Saúde é atender entre 320 e 640 novos casos ao ano, tendo en conta a taxa de incidencia do cancro e que a poboación deste distrito é de 64.000 habitantes.
A creación deste hospital optimiza os recursos sanitarios e aproxima servizos de calidade e complexos á contorna da cidadanía, mellorando a calidade de vida dos pacientes e os seus familiares. Ademais, posibilitará o acceso a tratamentos especializados para enfermidades oncolóxicas e hematolóxicas como quimioterapia e transfusións, sen necesidade de desprazamento nin de hospitalización prolongada.
Esta iniciativa mellorará a calidade de vida dos pacientes, ao ofrecer tratamentos ambulatorios, posto que os doentes poden recibir atención médica sen interromper a súa vida diaria de forma significativa, podendo volver á casa no mesmo día.
Tamén posibilita unha maior eficacia, cunha atención integral e continuada, permitindo un enfoque multidisciplinar do tratamento do cancro, onde os pacientes poden recibir atención de oncólogos, hematólogos, persoal de enfermería e outros profesionais nun só lugar, o que facilita un seguimento máis próximo e unha atención máis coordinada.
No plan de espazos do hospital de día oncohematolóxico de Barbanza están previstas áreas específicas para a administración de tratamentos, consultas médicas e seguimento. En concreto, 12 cadeiras e 2 camas para tratamentos simultáneos nas salas de tratamentos, 2 consultorios médicos para consultas e seguimento, unha área de urxencias equipada para facer fronte ás reaccións adversas ou complicacións durante o tratamento e espazos cómodos de espera para pacientes e familiares.
Tamén será necesaria unha sala de elaboración de fármacos para os tratamentos e unha área para probas de laboratorio e de diagnóstico por imaxe.
En total, resérvanse 450 metros cadrados situados entre a cafetería do Hospital Público de Barbanza e o servizo de Rehabilitación.
A Xunta cumpre deste xeito co seu compromiso de licitar a redacción do proxecto antes de finalizar o ano co obxectivo de que o hospital de día oncohematolóxico comece a coller forma en 2026.