A Central de Coordinación do 061 de Galicia reforza o seu persoal ante a previsión de incremento da demanda sanitaria no Nadal

O persoal facultativo e teleoperador aumentará durante as datas de maior actividade co obxectivo de axilizar as consultas sanitarias e optimizar a xestión dos recursos

O pasado Nadal, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu 735 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 20.161 procesos asistenciais

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza, un ano máis, o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias sexa axeitada ante a previsión do incremento da demanda sanitaria durante as datas do Nadal.

O reforzo do servizo habitual na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 responde ás análises de incremento de chamadas nestas datas co obxectivo de axilizar a consulta sanitaria e optimizar a xestión dos recursos para a atención das emerxencias que puideran xurdir.

Isto supón que haberá un facultativo máis nas quendas de noite (de 22,00 a 8,00 horas), as noites do 31 de decembro e 5 de xaneiro, así como nas quendas de mañá e tarde dos días 31 de decembro e 1, 5 e 6 de xaneiro.

Respecto ao persoal de xestión telefónica, o servizo refórzase cun teleoperador máis na quenda da noite do 31 de decembro.

Nadal 2024-2025

O pasado Nadal -desde o 24 de decembro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025-, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu un total de 24.735 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 20.161 procesos asistenciais.

Dos 20.161 procesos asistenciais xerados, o 33 % resolveuse sen mobilización de recursos e o 67 % restante precisou da mobilización dalgún recurso (visita domiciliaria de médico ou enfermeiro de atención primaria, transporte urxente e/ou emerxencias).

Dos procesos asistenciais nos que a Central de Coordinación estimou necesario a mobilización dalgún recurso, nun 56 % tratouse de emerxencias sanitarias e no 44 % de transporte urxente. En total mobilizáronse 13.352 recursos.

Neste período os principais motivos de demanda sanitaria da Central de Coordinación foron: alteración de consciencia, problemas respiratorios, dor, caídas, mareos e accidentes de tráfico.

En relación cos accidentes de tráfico, neste período foron atendidas 331 chamadas que xeraron 245 asistencias sanitarias, nas que foron atendidas 327 persoas, das cales seis faleceron no punto do incidente.

No caso das intoxicacións, entre o 24 de decembro de 2024 e o 6 de xaneiro de 2025, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon 472 persoas, das que 418 foron asistidas por intoxicacións de alcohol e 54 por consumo de drogas.

Por último é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.

Data de actualización: 30/12/2025