O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración realizou hoxe un percorrido polas Aldeas de Nadal de Lalín

A Xunta destaca en Lalín a cooperación co comercio local para impulsar o consumo e as vendas de proximidade co gallo das festas do Nadal

José González destacou os sete pobos recreados na vila pontevedresa, con preto de 70 casiñas abertas aos nenos e nenas por estas datas

Puxo de relevo os Escaparates Máxicos, un proxecto do Concello co apoio da Xunta para dinamizar catro escaparates baleiros con escenografías e estampas propias do Nadal, así como a fachada máxica dun establecemento hostaleiro da Praza de Abastos

Garantindo a continuidade da colaboración, celebrou o pulo que supuxeron tamén os concursos de escaparates dirixidos a comercios e establecementos hostaleiros, así como o curso gratuíto de escaparatismo e decoración do que se beneficiaron

Lalín (Pontevedra), 30 de decembro de 2025

 O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, realizou hoxe un percorrido polas Aldeas de Nadal do municipio, unha iniciativa que reúne sete pobos e preto de 70 casiñas abertas aos nenos e nenas e que está concibida para promover as visitas á vila e incentivar o comercio local e a hostalaría durante estas datas. Na visita, o conselleiro puxo de relevo os Escaparates Máxicos, un proxecto impulsado polo Concello que conta co apoio da Xunta para dinamizar e poñer en valor catro escaparates baleiros, nos que se recrean escenografías e estampas propias do Nadal, así como a fachada máxica dun establecemento hostaleiro da Praza de Abastos.

Do mesmo xeito, José González celebrou o pulo dado ao comercio local a través de iniciativas como o concurso de escaparates dirixido aos comercios da vila e outro específico, posto en marcha por primeira vez, para os establecementos hostaleiros. Para o desenvolvemento destas accións, organizouse previamente un curso gratuíto de escaparatismo e decoración con base artística destinado tanto a comerciantes como a hostaleiros e que —segundo sinalou— repetiu os bos resultados do ano pasado, non só coa ollada posta nestas datas, senón tamén para que as persoas participantes poidan aplicar na súa actividade do día a día.

Segundo explicou o conselleiro, todas estas actuacións amosan a importancia de xerar sinerxías nas programacións do Nadal e de implicar o comercio como eixe fundamental de dinamización, contribuíndo a reforzar a actividade económica, a vida nas rúas e o atractivo dos municipios nestas datas sinaladas. Nesa liña, engadiu que desde a Xunta se seguirá apoiando tanto as entidades locais como o sector do comercio, unindo forzas para seguir dándolle a este sector estratéxico o lugar que merece nas vilas e cidades.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/12/2025