A Xunta destinará en 2026 máis de 70 M€ a axudas para estudantes e investigadores das universidades

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP difunde o calendario de datas previstas para a publicación dunha ducia de bolsas e premios

O obxectivo é dar certezas ás persoas aspirantes e facilitar a súa planificación

Hoxe publícase no DOG a primeira convocatoria, dotada con case 2 millóns de euros, para estudantes que participan no programa Erasmus+

Ademais, manterase a matrícula gratuíta e a conxelación de taxas, o que fai das universidades públicas galegas as máis accesibles e igualitarias de España

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia destinará en 2026 máis de 70 M€ a axudas para estudantes e investigadores das tres universidades públicas galegas. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP difunde o calendario de datas previstas para a publicación dunha ducia de convocatorias de bolsas e premios a través das que se materializará este investimento. Precisamente hoxe publícase a primeira destas convocatorias, a dirixida aos estudantes Erasmus+. 

Cómpre destacar que este orzamento total é estimado e que, previsiblemente, se incrementará a medida que se vaia concretando o importe dalgunhas convocatorias. 

Este amplo paquete de bolsas súmase á matrícula gratuíta, medida que implantou a Xunta de maneira pioneira en España e que xa beneficiou a máis de 28.000 alumnos nos dous anos que leva en vigor. Así mesmo, as taxas de matrícula levan conxeladas desde hai 14 anos. Trátase de medidas que converten ao sistema universitario galego no máis accesible e o que máis igualdade de oportunidades ofrece de toda España.

O calendario inclúe tamén contratos en distintas etapas da carreira investigadora, especialmente nos dez primeiros anos logo de obter un grao, o que permite desenvolver unha tese doutoral en catro anos e continuar un proxecto de investigación nos seis seguintes. Tamén axudas para estudantes de grao para realizar estadías Erasmus en países da Unión Europea ou participar noutros programas en calquera universidade do resto do mundo. E bolsas para realizar cursos de idiomas no estranxeiro no verán ou para financiar un máster universitario a persoas en situación de desemprego. Igualmente, convocaranse premios para distinguir o esforzo e a excelencia universitaria. 

Primeiras convocatorias en xaneiro

Hoxe estréase este calendario coa publicación no Diario Oficial de Galicia da primeira das convocatorias, a destinada a complementar as bolsas dos estudantes que participan no programa Erasmus+ da Unión Europea, dotadas con case 2 M €.

Así mesmo, xa contan con data de publicación as principais convocatorias para os científicos que desenvolven o seu traballo nas universidades públicas, así como noutros organismos de I+D+i da Comunidade. Así, o 19 de xaneiro convocaranse as axudas para grupos de investigación, cun orzamento de case 29 M€. Igualmente, o 27 de xaneiro publicaranse as axudas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral (32,7 M€).

Tamén no mes de xaneiro publicaranse as bolsas para estadías noutros países co obxecto de aprender a súa lingua no verán (228.000 €), así como os Premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2025 (402.500€).

Bolsas e premios nos vindeiros meses

A maiores, en febreiro convocaranse os Premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica ao alumnado de grao que obtivese as mellores cualificacións no curso 2024/25 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (case 647.000 €).

Xa en xuño está prevista a publicación das bolsas destinadas ao alumnado universitario que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios; mentres que en xullo se convocarán as axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun mestrado universitario oficial.

Outros programas en marcha

A maiores, tamén haberá partidas orzamentarias en 2026, para os convenios da Xunta coas tres universidades públicas polos que o Goberno autonómico cofinancia as axudas estatais dos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva e das que recibe o persoal investigador das prestixiosas bolsas do Consello Europeo de investigación (ERC).

Por outra banda, resolveranse tamén en 2026 varias convocatorias xa publicadas a finais de 2025, cuxa asignación se concretará unha vez se concedan. É o caso do selo de excelencia a titulacións universitarias de grao e da mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de mestrado universitario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/01/2026