A Xunta anima a participar en programas de envellecemento activo para mellorar o benestar e evitar situacións de soidade non desexada

Valga (Pontevedra), 5 de xaneiro de 2026

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou a importancia que teñen os programas dirixidos ás persoas maiores para mellorar a súa calidade de vida, ao tempo que promoven a socialización. Neste sentido, afirmou que o Goberno galego seguirá apostando este ano polo fomento do envellecemento activo e saudable.

Antón Acevedo, que recentemente estivo na Xuntanza de Maiores que reuniu en Valga a participantes nas distintas actividades do programa de envellecemento activo, puxo en valor a aposta da Xunta por iniciativas que fomenten o benestar das persoas maiores, ao consideralas fundamentais para previr situacións de deterioro ou dependencia. Así mesmo, apuntou que outro dos beneficios destas propostas é que contribúen a evitar situacións de soidade non desexada.

No caso do concello de Valga, entre as actividades que se inclúen neste programa de envellecemento activo están as sesións de estimulación cognitiva e memoria, os obradoiros de expresión artística e pintura, as andainas ou os obradoiros de autocoidados.

Data de actualización: 05/01/2026