A Xunta licita por máis de 250.000 € a redacción do proxecto de execución e dirección de obra da reforma da área de reprodución asistida no Hospital Meixoeiro de Vigo
A obra forma parte das actuacións previstas no Plan galego de reprodución humana asistida que recolle melloras nas prestacións actuais e novas prestacións que transformarán a carteira de servizos de reprodución asistida de Galicia na máis ampla a nivel estatal
As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 21 de xaneiro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2026
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica, no Portal de Contratos Públicos, a contratación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra da reforma da área de reprodución asistida no Hospital Meixoeiro en Vigo, por un importe de 257.468,64 euros.
Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación de referencia da área sur de Galicia, coa reforma da área de reprodución asistida no Hospital Meixoeiro, adaptando os espazos deste centro da rede sanitaria pública galega, coa finalidade de desenvolver o Plan galego de reprodución humana asistida.
O Plan galego de reprodución humana asistida recolle un conxunto de melloras nas prestacións actuais e de novas prestacións que transformarán a carteira de servizos de de Galicia na máis ampla, con diferenza, a nivel estatal.
A Unidade de Reprodución Humana Asistida está situada actualmente no Centro Integral de Saúde Taboada Leal, e na súa actividade están directamente implicadas catro especialidades médicas: xinecoloxía e obstetricia, anestesioloxía e reanimación, análises clínicas e uroloxía. O seu traslado ao Hospital Meixoeiro permitirá a introdución de novas técnicas ao contar cunha maior disponibilidade de salas.
Situarase nun emprazamento contiguo ao bloque cirúrxico e á unidade de cirurxía maior ambulatoria, para a zona de laboratorio e procedementos, mentres que as consultas situaríanse na segunda planta ala 2, contigua ás consultas externas que é por onde accederán os pacientes no futuro.
As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 21 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas.