A Xunta licita por máis de 6,1 M€ a compra centralizada de uniformes e calzado para o persoal do Servizo Galego de Saúde

Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material, coa que se agarda acadar un aforro anual de 266.630 euros

Entre outras prendas, o contrato inclúe a compra de batas, pantalóns, casacas, cazadoras, polos e chalecos para o persoal da rede sanitaria pública galega

O contrato terá unha duración inicial de 3 anos, podendo ser ampliado por un prazo de 24 meses máis

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 16 de febreiro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica no Portal de Contratos Públicos a licitación, por importe de 6.164.171,47 euros, da subministración de uniformes e calzado para o persoal sanitario e non sanitario do Servizo Galego de Saúde.

Distribuído en 10 lotes, o contrato prevé unha duración inicial de 3 anos, podendo ser ampliado por 24 meses máis. Neste caso, o seu valor estimado acada os 9.509.465 euros.

Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material, coa que se agarda chegar a un aforro anual de 266.630 euros.

A finalidade deste expediente é dotar, de maneira homoxénea, de uniformidade e calzado ao persoal da sanidade pública dos centros asistenciais da rede do Servizo Galego de Saúde, facilitando a identificación dos traballadores, ademais de homoxeneizar a imaxe da organización. 

O contrato inclúe a compra de batas, pantalóns, casacas, roupa cirúrxica, chaquetas, cazadoras impermeables, anoraks, polos, chalecos e outra vestimenta de alta visibilidade. Ademais, tamén se adquiren lanyards e portatarxetas para as diferentes categorías profesionais do Servizo Galgo de Saúde.

O uso do uniforme supón unha barreira de protección que beneficia tanto ao profesional como ao paciente. Así, garante unhas condicións axeitadas de seguridade e hixiene no desenvolvemento da actividade asistencial.

A empresa adxudicataria deste contrato tamén se deberá facer cargo da retirada dos produtos coa periodicidade indicada na súa proposta, que en todo caso será polo menos dunha vez ao ano e nunca superior a seis meses. Así, deberá presentar posteriormente unha certificación acreditativa da entrega dos residuos a un xestor autorizado de preparación para a reutilización ou reciclado, de acordo cos criterios de proximidade establecidos na normativa vixente.

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 16 de febreiro de 2026 para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 08/01/2026