O conselleiro de Sanidade acompañado da delegada da Xunta na Coruña, da secretaria xeral técnica do seu departamento, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, visitou a unidade de Ribeira
Gómez Caamaño subliña que a integración no Sergas das unidades municipais de drogodependencia reforzará a atención a máis de 7.100 pacientes ao ano
O titular da carteira sanitaria remarca que a Xunta dedicará este ano máis de 4,8 millóns de euros a financiar estes dispositivos
Destaca o labor dos profesionais e o excelente traballo que realiza a unidade de Ribeira, combinando atención médica, de enfermería, psicolóxica, social e educativa, e que no pasado ano atendeu máis de 800 persoas
Remarca que coa integración no Sergas das 13 unidades, a Xunta culmina un proceso de enorme complexidade dada as diferentes modalidades de xestión, persoal e inmobles destes dispositivos
Incide en que a integración enmárcase na aposta do Goberno galego por facer fronte ás adiccións desde unha perspectiva integral, poñendo o acento na prevención e na mocidade
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe que a integración no Servizo Galego de Saúde das unidades municipais de atención ás drogodependencias reforzará a asistencia que reciben máis de 7.100 pacientes cada ano, poñendo á súa disposición todos os recursos humanos e materiais do departamento sanitario galego.
Antonio Gómez Caamaño, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, da secretaria xeral técnica de Sanidade, Natalia Lobato e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, visitou a unidade asistencial de atención ás drogodependencias de Ribeira.
O conselleiro remarcou que o Goberno galego dedicará este ano máis de 4,8 millóns de euros a estes dispositivos, que ata o de agora se viñan financiando a través dun convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Para o máximo responsable do Sergas, este importante investimento da Xunta ten por obxectivo dar un maior soporte ao magnífico traballo que están a realizar estas unidades, optimizando, deste xeito, a asistencia ás persoas que presentan condutas adictivas.
No que atinxe á unidade de Ribeira, o conselleiro destacou o labor dos profesionais e o excelente traballo que realiza este dispositivo que, cun enfoque multidisciplinar, combina atención médica, de enfermería, psicolóxica, social e educativa, rexistrando unha actividade crecente, posto que en 2024 atendeu preto de 700 persoas e, no pasado ano, xa foron máis de 800, sumando 128 novas altas de usuarios.
Integración das 13 unidades municipais
Gómez Caamaño puxo en valor que a unidade de Ribeira que hoxe visitou é unha das 13 de atención ás drogodependencias que, desde este ano, pasaron a integrarse no Sergas, culminando así a Xunta un proceso de enorme complexidade dada as diferentes modalidades de xestión, persoal, inmobles, contratos de servizos, etc., destes dispositivos.
Con esta medida, o Executivo galego integrou no Sergas un total de 95 prazas que compoñían o cadro de persoal destas 13 unidades, nas que se inclúen psicólogos, persoal de enfermería, medicina ou psiquiatría.
O conselleiro tamén incidiu en que a integración enmárcase na aposta da Xunta por facer fronte ás adiccións desde unha perspectiva integral, poñendo o acento na prevención e na mocidade. Ao respecto, citou a recente publicación da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas, que sitúa Galicia á vangarda nesta materia.
Engadido ao anterior, a Xunta vai incrementar os recursos destinados aos concellos para a realización de programas de prevención, apoio e integración das persoas que sofren adiccións.
Así mesmo, o conselleiro remarcou que o Executivo galego aprobará proximamente un novo Plan de Saúde Mental, no que a atención ás drogodependencias e as adiccións será prioritaria.
Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño reiterou o agradecemento ao esforzo do persoal desta unidade, que ofrece un servizo de alta complexidade asistencial, técnica e organizativa aos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.