O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou o establecemento Porta da Pía en Tui e o mercado municipal de Tomiño
A Xunta impulsa a competitividade do sector comercial e artesán a través da nova orde de achegas de preto de 4 M€ que afonda na simplificación administrativa
O conselleiro lembrou que a orde, que abre o próximo venres 16, conta con tres liñas de apoios compatibles entre si destinadas a promover a dixitalización, innovación e sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos
Indicou que estas axudas, das que o pasado ano se beneficiaron máis de 700 negocios, introduce melloras para axilizar os trámites e o procedemento de concesión e pagos anticipados, no marco do compromiso da Xunta como Administración facilitadora
Ademais, na xornada de hoxe o responsable autonómico visitou o Mercado Muncipal de Tomiño, que vén de renovar o selo de Mercado Excelente, acreditación que tamén ostentan as prazas de abastos de Pontedeume, Vilagarcía de Arousa e Carballo
A este respecto, puxo en valor que o Diario Oficial de Galicia publica este luns a orde que actualiza e simplifica a tramitación deste recoñecemento, redefinido en coordinación co sector, co obxectivo de acadar 25 espazos con este distintivo en 2030
Tomiño (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Tui o establecemento adherido a Artesanía de Galicia, Porta da Pía —unha das preto de 50 en toda Galicia— e, posteriormente, o mercado municipal de Tomiño, recentemente renovado co selo autonómico que o acredita como Mercado Excelente. Durante ambas visitas, González destacou as novas iniciativas a prol do comercio de proximidade que impulsa a Xunta, tanto a nova orde de axudas para o comercio —dotada con preto de 4 M€ e que abre o prazo o vindeiro venres— como a actualización dos trámites para obter o selo de Mercado Excelente, que se publicará o próximo luns no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ambas accións enmárcanse no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
José González salientou que, para o Goberno galego, o sector comercial e artesán é fundamental desde o punto de vista económico, social e territorial pola súa capacidade para xerar emprego, dinamizar vilas e cidades e fixar poboación. Para fortalecer este sector estratéxico, sinalou que o venres 16 se abrirá o prazo de solicitude da liña de axudas —publicadas o pasado día 8 no Diario Oficial de Galicia (DOG)— destinada a impulsar a dixitalización, innovación e sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos. González explicou que a orde, da que o pasado ano se beneficiaron máis de 700 negocios, introduce melloras significativas, como a ampliación do período subvencionable, sendo desde o 25 de outubro de 2025, e a simplificación administrativa e axilización doo procedemento de concesión e pagos anticipados.
Así o puxo de manifesto na tenda Porta da Pía —na que tamén estivo acompañado polo alcalde do municipio, Enrique Cabaleiro— destacando que este proxecto constitúe unha mostra representativa da diversidade e da riqueza da artesanía galega e que este sector clave tamén é destinatario destas achegas.
Ademais, salientou que as intensidades da axuda aumentan do 80 % ao 90 % para os establecementos implicados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas. Precisamente no marco deste proxecto piloto, que se desenvolve en Ribadavia, a artesanía ocupa un lugar central e, en 2026, crearase a Casa da Artesanía, un espazo estable dedicado aos oficios e á comercialización de produtos artesanais.
Renovación do selo de Mercado Excelente a Tomiño
Posteriormente, o conselleiro desprazouse ao mercado municipal de Tomiño, acompañado pola alcaldesa, Sandra González. Durante a visita, destacou o papel central que desempeñan as prazas de abastos no ecosistema comercial local e puxo en valor a capacidade de adaptación e dinamización deste mercado fronte aos novos retos e tendencias de consumo, ao tempo que felicitou aos praceiros e praceiras polo seu labor e pola renovación do selo de Mercado Excelente. Lembrou, ademais, que foi o primeiro mercado de Galicia en obter esta distinción en 2018 e que, hoxe, é un dos catro que a ostentan xunto aos mercados de Pontedeume, Vilagarcía de Arousa e Carballo —o último en incorporarse á Rede—, o que evidencia un traballo constante de mellora ao longo dos anos. Así mesmo, indicou que este luns 12 a Xunta publicará a orde que actualizará e simplificará os trámites para a obtención e renovación do selo, unha redefinición coordinada co sector co obxectivo de acadar 25 prazas certificadas en 2030.
A folla de ruta autonómica incluirá outras accións para 2026, como Prato de Mercado —que, mediante showcookings e outras iniciativas, fomentará as sinerxías coa gastronomía— ou o reforzo das axudas específicas para estes espazos, cun investimento de preto de 4,5 M€ destinado á rehabilitación, dixitalización e dinamización. Neste contexto, o mercado de Tomiño recibiu en 2025 arredor de 28.500 euros para o acondicionamento e mantemento de instalacións e equipamentos, a adquisición de material para praceiros e praceiras, accións de mentoring e formación, así como para a campaña Sábados con Sabor.