A Xunta mobiliza máis de 100 M€ dos fondos de transición xusta para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña

Rueda resalta os 80 M€ para unha nova liña de axudas que busca promover grandes proxectos industriais vinculados á descarbonización e á transformación do tecido produtivo

Destaca que os apoios están dirixidos a proxectos “cun investimento mínimo de 10 M€” e cada un poderá recibir “ata un máximo de 30 M€”

De xeito complementario, actívase unha liña de 22 M€ en préstamos combinados con subvencións a fondo perdido para pemes

Estes préstamos permitirán apoiar a creación de novos establecementos, a diversificación da produción, a transformación de procesos e a ampliación da capacidade produtiva, combinando subvencións e financiamento directo

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou na súa reunión semanal “mobilizar máis de 100 millóns de euros do Programa do fondo de transición xusta para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña". O obxectivo é poñer en marcha unha batería de medidas para impulsar unha transición económica equilibrada nos territorios máis afectados polo peche de explotacións mineiras e centrais térmicas de carbón.

En concreto, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, destina 80 millóns de euros a unha nova liña de axudas dirixida ao financiamento de proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras, con capacidade para transformar o tecido produtivo, modernizar os procesos industriais e xerar actividade económica sustentable a medio e longo prazo.

Tal e como explicou o presidente, os proxectos subvencionables deberán localizarse nas comarcas de Ordes, onde se situaba a central de Meirama, Eume, onde se emprazaba a central térmica das Pontes, e Ferrol, así como “nos concellos da Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido e Mañón”, ao tratarse das zonas directamente afectadas polo proceso de transición enerxética.

“Van dirixidas a proxectos que impliquen un investimento mínimo de 10 millóns de euros e poderán recibir ata 30 millóns” por empresa e proxecto, indicou o presidente, quen explicou que se valorarán especialmente que as iniciativas contribúan de maneira significativa á diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro, ao avance cara á neutralidade climática e á creación de emprego estable e de calidade no territorio. Neste sentido, os proxectos deberán supoñer a creación neta de postos de traballo indefinidos, reforzando así o impacto social positivo das actuacións financiadas.

As axudas están orientadas tanto a proxectos de investimento rexional como a proxectos de protección do ambiente, incluída a descarbonización, de acordo coa normativa europea vixente.

Préstamos con axudas a fondo perdido

De xeito complementario, Rueda anunciou que a Xunta “destina 22 millóns de euros a unha nova edición de préstamos parcialmente reembolsables para pequenas e medianas empresas” na provincia da Coruña.

Esta liña permitirá apoiar actuacións orientadas á creación de novos establecementos, á ampliación da capacidade produtiva, á diversificación da produción ou á transformación fundamental dos procesos produtivos existentes.

Neste caso, o investimento mínimo é de 60.000 euros e poderá executarse en toda a provincias. Os proxectos deberán manter o emprego existente e crear novos postos de traballo, contribuíndo así á consolidación do tecido empresarial, á xeración de actividade económica e á fixación de poboación no territorio.

O conxunto destas actuacións supón un importe total de 102 millóns de euros no inicio do ano 2026 no marco dos Fondos de transición xusta, reafirmando o compromiso da Xunta de Galicia cunha transición xusta, que compatibilice os obxectivos climáticos coa reindustrialización, coa competitividade empresarial e coa creación de oportunidades de emprego de calidade.

As dúas convocatorias publicaranse no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 14 de xaneiro e contarán cun prazo de presentación de solicitudes de tres meses en ambos os casos, co obxectivo de facilitar ás empresas o acceso ás axudas e ao financiamento previsto nestas liñas de apoios cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa do Fondo de transición xusta 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2026