A Xunta renova a cuberta da aula de Pousada do CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez

Esta actuación contou cun investimento da Xunta de preto de 47.000 euros

O delegado visitou o resultado da obra e destacou a licitación das tres primeiras grandes obras en centros escolares da área territorial de Pontevedra neste 2026

Vilaboa (Pontevedra), 14 de xaneiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Aula de Pousada do Cra de Vilaboa Consuelo González Martínez, onde a Xunta levou a cabo unha actuación de substitución da cuberta.

En concreto, as obras, que contaron cun orzamento de preto de 47.000 euros, permitiron colocar paneis metálicos tipo sándwich, formados por chapa de aceiro galvanizado con núcleo intermedio de espuma de poliuretano, con pendente a un auga .

Desta forma, a administración evita os problemas de filtracións que sufría o edificio e garante a comodidade e seguridade de alumnado e equipo docente.

O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de actuacións e asegurou que a Xunta mantén “un compromiso claro coa calidade da educación pública galega e a idoneidade dos centros educativos”

Reguera rematou a visita facendo referencia á licitación das primeiras 16 obras en centros escolares galegos que a Xunta levou a cabo neste 2026. O delegado sinalou as tres obras de “gran importancia” licitadas na área territorial de Pontevedra:  CEIP O Seixo (Marín, 1,1 M€); CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño (Campo Lameiro, 711.000 €); e CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis, 1,1 M€).

Plan de nova arquitectura pedagóxica

Estas primeiras obras de 2026 son unha mostra máis do compromiso do Goberno galego coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Esta folla de ruta abrangue tanto as partidas anuais para as grandes obras en execución, como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais, así como intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan acometerse nos meses de verán (reformas de baños, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización, tarefas de pintura ou arranxos de patios, entre outras).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2026