Belén do Campo visita a mesa informativa da Asociación Española Contra o Cancro no edificio da Xunta

A Coruña, 14 de xaneiro de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, visitou a mesa de cuestación da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na Coruña, instalada no hall do edificio da Xunta, no marco da súa campaña de sensibilización e captación de socios.

O obxectivo desta acción é achegar á cidadanía información e apoio fronte ao cancro, así como fomentar a colaboración coa AECC mediante a incorporación de novos socios. Para iso, a asociación dispuxo unha mesa informativa atendida polo seu persoal.

Belén do Campo explicou que con esta iniciativa non se realizou recollida de diñeiro nin venda algunha no momento. Unicamente se ofreceu información sobre o labor da AECC e se recolleron os datos das persoas interesadas en colaborar coa entidade.

A delegada lembrou que o reto da AECC é claro: lograr que o 70% das persoas diagnosticadas con cancro sobrevivan á enfermidade en 2030. Para iso, a asociación segue loitando no campo da investigación, buscando avances significativos no tratamento de diferentes tipos de cancro incidindo especialmente na colaboración e concienciación de todos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2026