A Xunta destina máis de 10 M€ a consolidar a rede de casas do maior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas para o mantemento da actividade dos recursos deste tipo postos en marcha entre os anos 2019 e 2024

Cada casa recibe unha subvención de 25.400 euros mensuais, máis complementos por desprazamento dos usuarios, por baixas de maternidade e paternidade das persoas encargada do servizo ou por outras baixas de longa duración

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

A Xunta destina 10,3 millóns de euros este ano e o que vén ao mantemento das casas do maior postas en marcha no período comprendido entre os anos 2019 e 2024. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a convocatoria destas axudas para consolidar esta rede de atención diúrna gratuíta a persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada.

A contía da achega por recurso é de 25.400 euros anuais, que están dirixidos a apoiar o desenvolvemento do proxecto e que se ingresarán de maneira anticipada na súa totalidade. A esta axuda engádese un máximo de dez euros por persoa e día no caso das persoas promotoras que asuman o desprazamento dos usuarios ao equipamento.

Así mesmo, mantense un complemento de 150 euros semanais nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa encargada do equipamento durante o tempo que dure a baixa. Este mesmo complemento aboarase noutras situacións de baixa de longa duración a partir da terceira semana da baixa e cun límite de catro semanas.

As persoas ou cooperativas promotoras das casas do maior interesadas en acollerse a esta orde de subvencións teñen que presentar as solicitudes, obrigatoriamente, por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para facelo é dun mes contado a partir do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

800 prazas de atención totalmente de balde

En total, incluída a liña de subvencións do ano pasado, o Goberno galego concedeu axudas para a creación de 160 casas do maior por toda a comunidade, que ofrecen 800 prazas de balde para o coidado das persoas maiores.

As casas do maior son recursos de proximidade que garanten aos maiores do rural ter acceso a unha atención individualizada sen saír da súa contorna e 100 % gratuíta. Cada unha delas atende a un máximo de cinco usuarios e estes coidados comprenden a manutención, a hixiene e o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas.

Ademais, prestase nun máximo de oito horas diarias de luns a venres en horario flexible e durante todo o ano, agás os días festivos e o mes de vacacións no que o equipamento permanecerá pechado por vacacións.

A Xunta aposta por continuar estendendo as casas do maior por todo o territorio galego porque melloran a calidade de vida das persoas maiores, facilitan a conciliación das familias, axudan a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía dos concellos nos que se asentan.

Data de actualización: 15/01/2026