A Xunta pon en valor a importancia do papel activo das administracións locais na prevención e detección da violencia contra as mulleres

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero explicou que Galicia é unha das comunidades con máis recursos de protección e con medidas pioneiras para garantir a recuperación das vítimas

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuniuse esta mañá con representantes dos concellos de Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira para presentarlle os recursos da Xunta en materia de prevención, sensibilización e detección da violencia contra as mulleres. Neste sentido, explicou que a implicación das Administracións locais é fundamental no asesoramento, na difusión de información e na protección das vítimas.

Neste sentido, Roberto Barba trasladou o abano de recursos cos que conta a Xunta, como os Centros de Información á Muller; a rede de acollida, que ofrece solucións habitacionais ás vítimas; as prestacións económicas para garantir a súa independencia ou a asistencia xurídica, social e psicolóxica gratuíta.

Ademais, lembrou que a veciñanza destes municipios pode acudir ao centro de crise Acompañadas 24 horas de referencia, que se atopa no hospital Novoa Santos de Ferrol. Trátase – explicou- dun servizo gratuíto, composto por un equipo multidisciplinar e que presta atención durante as 24 horas do día todo o ano, algo que só acontece – recalcou- en Galicia e Asturias. A maiores, indicou que funcionan de xeito presencial e tamén telefónico.

Deste xeito, Roberto Barba agradeceu a súa implicación e interese na loita contra a violencia de xénero e recordou que grazas á implicación conxunta de todas as  Administracións, avanzamos nunha sociedade máis igualitaria e comprometida. Por iso, trasladou o compromiso da Xunta para seguir poñendo en marcha recursos e medidas que sitúen a Galicia como referente nesta materia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2026