O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Univesidade de Vigo, Manuel Reigosa, firmaron un convenio de colaboración
O novo laboratorio CESGA-AtlanTTiC impulsará unha plataforma experimental sobre computación cuántica óptica
Cun investimento de 2,4 M€, desenvolverase un laboratorio compartido entre ambos centros no que se traballará no desenvolvemento dun procesador cuántico
Consolidarase como unha infraestrutura singular en Galicia, coa que a I+G+i avanza no liderado desta tecnoloxía que explora os límites do coñecemento actual
Román Rodríguez destaca que estamos ante “liñas punteiras de investigación que nos próximos anos serán clave” polos que a Xunta está apostando fortemente
Vigo, 15 de xaneiro de 2026.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, firmaron hoxe un acordo entre o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o AtlanTTic (Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), para crear un laboratorio compartido especializado en computación cuántica óptica, que contará cun investimento de 2,4 M€. Neste sentido, Román Rodríguez definiu a colaboración como “un acontecemento relevante que fai posible que a nosa I+G+i se dote desta infraestrutura grazas ao traballo de dous centros de referencia nos seus respectivos campos”.
Neste laboratorio, que se instalará no VQCC (Vigo Quantum Communication Center), dependente do AtlanTTic e co nome de Quantum Optical Computing Lab, traballarase no desenvolvemento dun procesador cuántico. Isto posibilitará que Galicia entre de cheo na carreira do deseño deste tipo de equipamentos. Para iso, o convenio posibilita a dotación de persoal investigador, equipamento e infraestruturas técnicas cun modelo de gobernanza compartido entre institucións, tanto no ámbito operativo como no científico.
O AtlanTTic contribuirá coa súa experiencia en diversos campos e o CESGA achegará as súas capacidades en infraestruturas computacionais avanzadas e soporte tecnolóxico especializado. Concretamente, os recursos do CESGA neste laboratorio están cofinanciados a través do PERTE Chip e de fondos propios da Consellería de Ciencia, mentres que a UVigo achega recursos propios e comprométese a asumir a consolidación e sustentabilidade operativa destes laboratorios, que se conciben cunha duración inicial de catro anos con posibilidade de prórroga.
Neste sentido, o representante do Goberno galego puxo en valor esta colaboración, pois supón unha “aposta decidida pola investigación de fronteira, esa que explora os límites do coñecemento actual, e polas tecnoloxías cuánticas como motor de desenvolvemento económico”, dixo durante o acto, no que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. No acto tamén participaron o director científico do CESGA, Lois Orosa, e o director do AtlanTTic, Martín Llamas.
O conselleiro fixo fincapé en que estamos “ante liñas punterias de investigación que serán fundamentais nos próximos anos para dar respostas innovadoras aos retos presentes”, ademais de consolidar o CESGA como unha infraestrutura científica de referencia e “contribuír a proxección internacional da I+G+i e de Galicia como polo de tecnoloxías cuánticas e un territorio de ciencia e innovación”, engadiu. Precisamente, este é un dos eidos sinalados como prioritarios no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Liñas de investigación e aplicacións
O Quantum Optical Computing Lab non é a primeira colaboración entre CESGA e VQCC. De feito, a finais de 2025, acadábase un fito histórico para a ciberseguridade coa posta en funcionamento da liña de comunicación cuántica máis longa de España con 120 km de distancia e que une Santaigo e Vigo.
Esta nova colaboración nace coa finalidade de cubrir unha liña de investigación sobre computación cuántica óptica como unha plataforma experimental específica, consolidándose así como infraestrutura singular da nosa I+G+i. Este espazo concíbese como unha infraestrutura aberta para facilitar a colaboración con investigadores externos mediante protocolos comúns, integrándose academicamente na UVigo e formando parte, ao mesmo tempo, da infraestrutura científica do CESGA.
Co desenvolvemento deste novo sistema de computación cuántica óptica poderíanse resolver problemas de optimización complexos moito máis rápido e consumindo menos enerxía que procesadores clásicos. Este procesador podería servir para acelerar múltiples algoritmos de intelixencia artificial e terá utilidades, tamén, en deseño de materiais, loxística, planificación sanitaria ou bioinformática. Nesta liña, facilitaría a busca de solucións a problemas como encontrar as mellores rutas en loxística, crear calendarios eficientes, deseñar novos materiais ou xestionar carteiras de investimento, entre outros.
Ademais, o Quantum Optical Computing Lab permitirá posicionar a Galicia dentro da plataforma experimental da futura Fábrica europea de intelixencia artificial debido ás súas sinerxías e a potencialidade para executar algoritmos de IA de forma máis eficiente, contribuíndo á investigación e o desenvolvemento de infraestruturas de computación de vangarda e á mellora da soberanía tecnolóxica.
Convenio coa USC
Nesta liña de traballo, o CESGA tamén asinou este mércores un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para a creación dun laboratorio mixto que se localizará no IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) da USC. Este laboratorio, baixo o nome de IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab, estará especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear e conta cun investimento de 2,2 M€.