A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para mellorar a competitividade do comercio local e artesanal

O delegado territorial visitou un dos establecementos beneficiados pola convocatoria do ano pasado

Estas axudas contan cun orzamento total de 4 millóns de euros e contan con tres liñas de actuación compatibles entre si

Cuntis (Pontevedra), 16 de xaneiro de 2026

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a tenda Mi Vestidor Azul, no concello de Cuntis, que foi unha das beneficiarias das subvencións da Xunta destinadas a fomentar a innovación, a dixitalización e a implantación de novas formas de comercialización e expansión do sector comercial artesanal do ano 2025 e informou sobre a convocatoria deste ano que está aberta a partir de hoxe.

En concreto, este establecemento recibiu unha achega de máis de 5.100 euros que lle permitiu avanzar na modernización do negocio, mellorando a súa presenza dixital e incorporando novas ferramentas orientadas a reforzar a súa competitividade e a ampliación das canles de venda.

Na área de influencia de Pontevedra foron varios os establecementos do sector comercial artesanal que se beneficiaron destas axudas, co obxectivo de impulsar a súa adaptación aos novos hábitos de consumo e fortalecer o comercio de proximidade.

No caso da convocatoria do 2026, o orzamento total do programa ronda os 4 M€ e abarca tres liñas compatibles entre si. Unha está orientada á dixitalización e a innovación comercial; outra á modernización e mellora da imaxe; e a última a incrementar a sostibilidade ambiental mediante unha maior conciencia sobre as embalaxes.

Entre as novidades deste ano, destaca a posibilidade de que unha mesma empresa acceda ás achegas para varias tendas. Tamén se ampliará o período subvencionable para atender todas as actuacións realizadas desde o fin do prazo marcado na orde anterior, o 25 de outubro de 2025. Así mesmo, axilizarase a concesión das achegas ao exixir menos documentación complementaria. Ademais, a contía da axuda elévase do 80 % xeral ao 90 % para establecementos implicados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.

En canto ás accións subvencionables, a liña de dixitalización e innovación comercial inclúe -entre outras- a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, engadindo como novidade as memorias-proxectos de dixitalización.

Na liña de modernización, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluída a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións para mellorar a eficiencia enerxética. Tamén abarca a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal, incorporando como novidade os aparellos eléctricos de aromatización e fío musical.

Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado,  recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamo 100 % e, como novidade, bovinas de papel 100 % reciclado.

O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de apoios “para acompañar aos pequenos negocios no proceso de transformación dixital e garantir a súa continuidade, xerando actividade económica e emprego nos concellos galegos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2026