A Xunta investirá 1,1 M€ na rehabilitación do colexio Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis

O conselleiro de Educación presenta nunha visita ao centro o proxecto, que permitirá mellorar a eficiencia enerxética e o confort da comunidade educativa

A obra, en fase de contratación, terá un prazo de execución de 9 meses e renovará 1.869 m² de cuberta, 2.097 m² de fachadas, 515 luces e 141 fiestras e portas

Acadarase un aforro do 57,6% en consumo de enerxía e do 61,4 en emisións de CO₂

Cuntis (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o proxecto de rehabilitación integral do Centro Público Integrado Aurelio Marcelino Rey García, na localidade pontevedresa de Cuntis. “Unha obra na que a Xunta vai investir 1,1 M€ e que vai servir para mellorar o illamento térmico do centro, coa conseguinte repercusión no benestar no día a día de alumnos e docentes, ao tempo que se reduce o consumo enerxético e a pegada medioambiental do edificio”, indicou o representante do Goberno autonómico.

O titular de Educación explicou na súa visita que esta actuación está incluída no Plan de nova arquitectura pedagóxica, “a folla de ruta coa que estamos a modernizar os centros de ensino galego, ademais de facer as lóxicas actualizacións necesarias nas instalacións de colexios coma este, que teñen case medio século de antigüidade”.

A obra está actualmente en fase de contratación e ten un prazo de execución de nove meses desde o momento en que se inicien os traballos. A previsión é acadar, ao seu remate, un aforro do 57,6% en consumo de enerxía e do 61,4 en emisións de CO₂.

Tal e como detallou Román Rodríguez, esta actuación forma parte do paquete de 16 obras de mellora en centros educativos para o ano 2026 que a Consellería de Educación licitou xa por un importe total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.

Detalles da intervención

En concreto, acométese a renovación de toda a envolvente. No caso da cuberta, instálanse 1.869 m² de panel sándwich e la de roca, substituíndo canlóns e baixantes. Tamén se cambia a cuberta no patio posterior e sanéase a súa estrutura. No que atinxe ao illamento pola fachada, realízase mediante inxección en cámara no edificio e no comedor con perlas expandidas EPS e aplicando sistema SATE na parte que foi ampliada, un total de 2.097 m².

A carpintería exterior (130 fiestras e 11 portas) múdase por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e cámara de aire intermedia. Inclúese a substitución das persianas e caixas.

A rehabilitación integral inclúe, igualmente, actuacións no interior do centro, como a instalación de 515 luminarias LED e focos exteriores ou a substitución do pavimento vinílico nas aulas de Infantil. Tamén se cambiará o falso teito da área da antiga vivenda do conserxe (que hoxe acolle almacéns e a aula de convivencia inclusiva) e do comedor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2026